Prado Surf Club celebra o seu 20 aniversario cun día cheo de actividades en Patos

Prado Surf Escola cumpre 20 anos e quere celebralo con alumnos, ex alumnos, familias, amigos e todos os amantes do surf e do mar. O vindeiro venres 17 de agosto na Praia de Patos (Nigrán) organizarán un día repleto de actividades, música e boa comida.

Para empezar ben o día haberá unha clase de iniciación ao ioga aberta ao público na praia, continuando cun bautismo de pádel surf (esta actividade realizarase previa inscrición e terá un custo reducido de 5€), e a partir de aí a festa continúa no aparcadoiro de atrás da escola cunha sesión vermú con concerto en directo e onde se poderá gozar da mellor comida da man de dous foodtrucks moi especiais.

Para os máis pequenos haberá un espectáculo de maxia e festa da escuma. E para os que queiran gozar do atardecer desde a praia con boa música a festa continuará ata as 00:00 con DJ Gus-G.

Ademais, durante todo o día celebrarase o campionato de surf dos noveis e outro moi especial, o de 3 Xeracións, onde ex alumnos que pasaron pola escola durante o últimos vinte anos veranse as caras de novo no mar. A entrega de premios será ás 20:00 horas e os gañadores recibirán produto a mans de Just the sea + Karün, Waira e Prado Surf Escola.

Prado Surf Escola

Prado Surf Escola é unha escola de referencia en Galicia, que nace no ano 1998 co propósito de promover o surf na comunidade e de facer accesible a práctica deste deporte. As clases de surf, pádel-surf, longboard e bodyboard impártense ao longo de todo o ano nas praias de Patos (Nigrán), A Lanzada (O Grove) e Bastiagueiro (Oleiros) lugares onde se sitúan as sedes da escola.

20 ANIVERSARIO PRADO SURF PATOS