Gondomar renova o céspede do campo de fútbol municipal das Cercas

O goberno local de Gondomar recepcionou este venres os traballos realizados nas últimas semanas para cambiar o céspede do campo de fútbol municipal de As Cercas, que supuxeron un investimento de preto de 150.000 euros. “Dotamos este campo de fútbol municipal cun céspede de última xeración que garantirá unha sensación de maior cobertura da superficie e minimizará as lesións dos usuarios”, manifestou o alcalde Paco Ferreira, quen subliñou que “cumprimos o prometido e actuamos atendendo as necesidades e demandas dos nosos deportistas”.

Por outra banda agradeceu a paciencia por parte das familias dos xogadores e xogadoras, así como por parte dos clubs “ante as molestias que puidésemos xerar cos traballos do cambio do céspede” e mostrou a súa confianza de que “unha vez retómese a actividade en As Cercas todos serán conscientes de que valeu a pena e que era unha acción necesaria para garantir a integridade dos xogadores e xogadoras que acoden a el”. De feito, lembrou que por este céntrico campo pasan semanalmente, durante o ano, máis de 500 xogadores dos equipos locais de categorías inferiores, tanto para adestrarse como para disputar os seus encontros, tanto deporte base como veteranos, etc.

Proxecto e actuación no Campo das Cercas

As obras, cun orzamento de case 150.000 euros con cargo ao remanente do Concello de Gondomar, foron executadas polo despacho de arquitectos Pablo Muíños Pazos. A superficie de intervención foi de 6.425 metros cadrados aproximadamente e a obra comprendeu a renovación do pavimento deportivo de As Cercas, eliminando a súa terminación actual en céspede sintético, altamente degradado, e suplíndoo por céspede artificial de última xeración.

O proxecto contempla tamén o cambio da iluminación por sistemas que fomenten o aforro enerxético, así como o sistema de rego automático, o que supoñerá un investimento de 31.000 euros. A intervención incluíu a retirada do pavimento do céspede existente e á súa renovación por un de maior calidade que “mellorará o comportamento desta fronte os impactos nas articulacións”. De feito, o novo sistema cumprirá cos parámetros de calidade a nivel biomecánico, de durabilidade e resistencia climática segundo os requirimentos da FIFA FQC e o criterio de calidade FIFA Quality PROL.

Características

Tras proceder ao desmonte procedeuse á extracción do recheo de area e granulado de caucho e á limpeza da superficie de aglomerado sobre o que se instalou o novo céspede artificial, cunha base elástica prefabricada de 10 mm de espesor, composta de escuma de poliolefina de célula pechada reticulada e tecido non tecido na parte superior cun peso total superior aos 580 g/ m “e unha absorción de impactos superior ao 40”.

Unha vez instalado procedeuse á marcaxe e sinalización de campos de fútbol 11 e 7 seguindo os criterios da Real Federación Española de Fútbol. As bandas de marcaxe serán de cor branca no campo de fútbol 11 e de cor azul ou amarela para as posibles marcaxes de fútbol 7 transversais.