Anuncios
Ticker de novas

O BNG denuncia unha vertedura de fecais directamente ao río Miñor no centro de Gondomar

O BNG de Gondomar vai reclamar do Concello que se arranxe con carácter de urxencia o saneamento ao seu paso polo centro da vila, e que se avalíen os danos da vertedura producida esta fin de semana. Este sábado 28, o BNG comprobou como no centro da vila, na ponte sobre o río Morgadáns nas inmediacións do parque das Ánimas, o saneamento vertía directamente sobre o río.

Arestora, o dano producido é irreparable, agravado pola redución do caudal do río propia do verán, o que pode incidir na mortalidade da flora e da fauna do Morgadáns e do Miñor ao seu paso pola vila, nunha zona especialmente concorrida. “Descoñecemos cales foron as causas que levaron a esa situación, mais consideramos que non existe xustificación posible, pois ante unha avaría no saneamento, cómpre realizar as tarefas necesarias, urxentes e extraordinarias, até solucionar o problema ao 100%, sen que se produza ningún tipo de vertedura, pois en canto este se inicie o dano é irreversible”, sinala Manuela Rodríguez Pumar.

“Resulta inaudito que, -continúa a Responsable Local do BNG- mentres se realizan diversas tarefas de acondicionamento da vila e se presume na redes sociais de estar arranxado determinados espazos, se descoiden tan gravemente cuestións medio ambientais e de saúde pública que tamén inciden, e moito, na imaxe de Gondomar. Pois para alén do impacto visual, está tamén o olfactivo, xa que o fedor na zona era nauseabundo”.

O BNG esixe publicamente que se solucione esta situación e pide que desde o goberno local e, nomeadamente, a Concellaría de Medio Ambiente, se dean as explicacións oportunas sobre o sucedido e se depuren responsabilidades.

2018-07-29 - fecais 2

 

Anuncios