Angulo esprintou para acabar terceiro no peche da Volta a León

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Antonio “Chava” Angulo.

Tentouno de todas as maneiras posibles o Club Ciclista Rías Baixas, pero resistíuselle a vitoria na Volta a León. A última etapa con final en Astorga foi o mellor exemplo da actitude nesta rolda dos representantes da estrutura que preside José Luis Chamorro. David Galarreta rodou escapado, antes de que Antonio “Chava” Angulo terminase 3º tras un esprint no que Francesc Zurita rubricou a 7ª posición.

Durante os 83 quilómetros desta sexta xornada entre Murias e Astorga, os pupilos de Iván Rodríguez executaron un plan A e outro B. Primeiro buscárono de lonxe con Galarreta. O cántabro marchouse en solitario no alto da Grandilla, un porto de 3ª categoría que coroou na cabeza no quilómetro 47.

O grupo principal absorbeuno pouco máis tarde e no tramo final da etapa os corredores miñoranos cambiaron de partitura. Con dous corredores fuxidos por diante, o Club Ciclista Rías Baixas asumiu o mando do pelotón para tentar neutralizar a escapada e xogarlla nunha chegada masiva. Con todo, a diferenza de 2 minutos que acumularon Jaume Sureda (Caja Rural) e Alberto Serrano (Escribano) resultou insalvable.

O gañador, Sureda, presentouse con 30 segundos de vantaxe na liña de meta, onde Angulo fixo terceiro ao impoñerse no esprint do gran grupo. O cántabro demostrou a súa explosividade e sumou outro posto de honra, tras terminar 9º na primeira xornada e 8º na segunda. Pola súa banda Zurita, 4º o segundo día, concluíu nesta ocasión 7º.

A estes postos no top-10 hai que engadir a presenza constante do Club Ciclista Rías Baixas nas escapadas desta volta. Galarreta (24º) foi o mellor na xeral individual, con Zurita (29º), Ignacio Zamanillo (39º), Sergio Álvarez (46º) e Angulo (52º). Por equipos a formación do Val Miñor clasificouse sexta.

Anuncios