A xornada de onte, con Xacobe Martínez Antelo trío e Voro García Quintet, reuníu a máis de 1.500 persoas no auditorio ao aire libre de A Foz nunha xornada multitudinaria co ‘Rilla na Rúa’ na Alameda de A Ramallosa
Tras reunir onte a máis de 1.500 persoas coas actuacións de Xacobe Martínez Antelo Trío e Voro García Quintet, o Concello de Nigrán pecha este sábado a duodécima edición do Nigranjazz no esteiro de A Foz (A Ramallosa) coa actuación estrela ás 22:30 do aclamado guitarrista holandés Jesse Van Ruller, gañador en 1995 do premio Thelonious Monk International Jazz Guitar Competition, sendo o primeiro europeo en alcanzar este prestixioso premio cun xurado composto por xenios como John Scofield, Pat Metheny, Jim Hall e Pat Martino. Van Ruller estará acompañado por vez primeira, e por petición expresa, do moañés Iago Fernández á batería, ademais do seu si habitual Clemens Van Der Feen ao contrabaixo.
Anteriormente, ás 21:30 horas, abrirá a velada tamén no auditorio ao aire libre o guitarrista Dani Font xunto a Alex Touceda ao contrabaixo e David Puime á batería, tres dos galegos máis prometedores no panorama nacional de jazz e que creceron como espectadores do Nigranjazz, festival cun compromiso inquebrantable de apoio aos músicos locais. Como hai xa dous anos, o evento gastronómico “Rilla na Rúa” acompaña ao festival coas súas camionetas con comida gourmet aparcadas no paseo da Foz e patrocinando esta tarde dende ás 19:30 horas a sesión swing na Alameda con “Low Bay Hot Band”, grupo formado por músicos todos das Rías Baixas. Miles de persoas xa encheron onte o paseo da Foz para dar conta desta oferta gastronómica sobre rodas e hoxe se agarda outra xornada multitudinaria (o evento street-food continúa ata mañá domingo).
Pero para os músicos e os máis afeccionados ao jazz o festival arranca ás 12:30 no Auditorio Municipal de Nigrán coa xa tradicional master-class, que onte foi con Peter Bernestein e hoxe é co tamén guitarrista Jesse Van-Ruller, protagonista do concerto da noite. O prezo desta clase maxistral é de 15 € a abonar alí mesmo (a inscrición pode realizarse previamente en info@folque.com).
O Nigranjazz conta co apoio da Deputación de Pontevedra, a Sociedade de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), a Fundación Mayeusis, Elemental Chefs e Rodosa.
Sábado 28 de Xullo
Auditorio do Concello
12:30: Masterclass con Jesse Van Ruller
Paseo da Foz do Miñor:
19:30: Swing Session con The Low Bay Hot Band.
Auditorio ao aire libre da Foz do Miñor:
21:00: Dani Font Trío.
22:30: Jesse Van Ruller Trío
24:00: Jam Session con Diego Alonso Cuarteto

