UCN denuncia a “alarmante” falta de rendición de contas do ano 2017 por parte do goberno local

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, denuncia publicamente a “alarmante” falta de rendición das contas municipais do ano 2017, despois de superado con máis de catro meses o prazo establecido no Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que no seu art. 191.3 establece como data tope antes do día primeiro de marzo do exercicio seguinte, e que haberá de remitirse copia ao Ministerio de Facenda e Xunta de Galicia, antes do 31 de marzo (art.193.5 do citado texto legal), así como tamén a rendición da Conta Xeral antes do 15 de maio, polo que será imposible aprobar e remitir en prazo ao Consello de Contas, cos graves prexuízos económicos que poida supoñer para o Concello, non só na perda de subvencións da Xunta, senón tamén na retención dos Fondos nos Tributos do Estado, “o que resultaría lamentable”.

UCN lamenta tamén o incumprimento do acordo asinado co Alcalde no pasado mes de abril e que posibilitou a aprobación do orzamento municipal para o ano 2018, fixándose como data tope para a rendición da liquidación do exercicio anterior antes do 15 de maio (xa fóra de prazo), “acordo que está a ser gravemente incumprido por parte do goberno local, non só polo desprezo á legalidade vixente, senón tamén pola falta de credibilidade e nulo respecto aos acordos asinados por parte do alcalde Juan González”.

UCN lembra que non só por imperativo legal hai que presentar as contas en prazo, senón tamén que se está incumprindo coa lei de transparencia e bo goberno, “polo que o Concello de Nigrán está a levarse a palma e pode converterse nun campión a nivel nacional”.

UCN xa vén reiterando ao alcalde nos últimos plenos, non só as razóns pola alarmante demora, senón tamén alertando dos graves prexuízos económicos que puidesen derivarse, así como tamén, a asunción de responsabilidades ante os posibles quebrantos económicos á Facenda Local, pola actuación de funcionarios e autoridades responsables, por culpa, dolo ou neglixencia graves na súa actuación, sen que aínda se teña noticia algunha respecto diso.

UCN non entende como un Concello que dispón de tres funcionarios con Habitación Nacional (Secretario, Interventor e Tesoureiro), así como un total de 11 funcionarios no departamento económico, incluídos Interventor e Tesoureiro, sexa incapaz de cumprir en prazo coa rendición das súas contas, o que puidese entenderse, non só como un feito grave de irresponsabilidade, senón tamén polas repercusións negativas para os veciños, ao resultar case imposible poder dispoñer do Remanente de Tesourería, para a execución de obras de vital importancia para os veciños, a máis diso a opacidade na súa xestión.

Fernández Comesaña non descarta poñer os feitos en coñecemento do Ministerio de Facenda, Xunta de Galicia e Consello de Contas, para que tomen cartas no asunto, e depuren posibles responsabilidades de ser o caso.