Anuncios
Ticker de novas

2.300 efectivos da Garda Civil na loita contra os incendios forestais

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentou este martes o despregamento da Garda Civil na tarefa de prevención e loita contra os incendios durante este verán na nosa Comunidade. Nesta presentación, estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Darriba; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e o coronel xefe interino da XV Zona da Garda Civil, Jorge González.

Desde o 1 de xullo que comezaron a súa actividade ata finais de setembro, a Garda Civil manterá despregados en Galicia máis de 2.300 efectivos dedicados á loita contra os incendios forestais na Comunidade. Este importante dispositivo está integrado por persoal do Seprona, Seguridade Cidadá, Policia Xudicial, Servizos de Información e Unidade Aérea pertencentes a efectivos propios das catro comandancias e reforzouse con outros 60 axentes do Escuadrón de Cabalería, servizo aéreo, Seprona, policía xudicial e Agrupación de Reserva e Seguridade, procedentes doutras unidades.

O acto incluíu unha representación dos medios destinados a esta campaña, que, como apuntou o delegado do Goberno, teñen como características principais a súa tenacidade e, á vez, o seu dinamismo, pois é capaz de adaptarse a circunstancias dificilmente previsibles.

En total, participaron un escuadrón de cabalería da Garda Civil, xunto a efectivos da Unidade Orgánica de Policía Xudicial e un equipo de investigación do SEPRONA; unha patrulla motorizada do Seprona e motos de Tráfico; unha patrulla do Grupo Rural de Seguridade (GRS) e patrullas de Seguridade Cidadá.

INVESTIGACIÓN

O delegado do Goberno lembrou que, a maiores, e durante a época de máximo risco, as Xefaturas de Comandancia configuran os EMIF (Equipos Multidisciplinares de Incendios forestais) e as Xefaturas de cada Compañía os EIIF (Equipos de Investigación de Incendios). Como suxiren as súas siglas, trátase de equipos formados por persoal de distintas Unidades, como Información, Seguridade Cidadá e Policía Xudicial, que se dedican integramente a investigar as causas de cada incendio que se produce nas zonas de responsabilidade da Garda Civil.

Javier Losada informou que nos primeiros seis meses do ano 2018, a Garda Civil detivo ou investigou a 31 persoas relacionadas con incendios forestais, dos que máis da metade foron na provincia de Ourense. A cifra de detidos ou investigados en 2017 ascendeu a 96, case o dobre que o ano anterior.

O delegado o Goberno lembrou que a nosa colaboración é esencial na loita contra os incendios forestais e contra a actividade incendiaria. Non só evitando comportamentos de risco e adoptando medidas preventivas senón tamén avisando aos equipos de emerxencia ou forzas de seguridade en caso de detectar accións delituosas relacionadas con algunha queima.

OBXECTIVOS DE ESTABILIDADE

O delegado do Goberno en Galicia aproveitou a presentación destes medios a disposición dos galegos para reiterar ao Goberno galego o apoio aos novos obxectivos de estabilidade e déficit. Javier Losada lembrou que estar a favor dos novos obxectivos significa “estar a favor de que haxa máis recursos económicos para dar resposta ás necesidades dos galegos, como a loita contra os incendios” engadiu.

Anuncios