O Cereixa alcanza o liderado a falta de cinco xornadas para a concusión da liga

FOTO: CEREIXA FS

Era un partido de seis puntos e os pupilos de Rafael Salgueiro Troncoso e Nacho Troncoso Quintas disputaron o encontro como unha auténtica final. As bancadas abarrotadas indicaban que non era un choque calquera e o local saíu con moita decisión para buscar os tres puntos.

Huguito Gonzalvez tras unha falta ensaiada rebentaba a cruceta avisando ao visitante. O Cereixa FS estaba serio en defensa e tiña ocasións pero o porteiro rival paraba todo canto chegaba aos seus dominios. Tivo que ser Gabriel Denis Vasconcellos, o que pouco antes do descanso abrise a lata tras controlar un balón á carreira e definir por baixo (1-0). Case sen tempo para festexar e con 00:00 no electrónico, o árbitro inventábase un penalti que daba a chance aos visitantes… David Barciela Bargiela facíase enorme e o balón ía ao poste.

Descanso e o Cereixa FS que se ía en vantaxe.

Na continuación o visitante tomou a iniciativa e o local repregouse esperando a contra. Dúas ocasións moi claras do Lume FS foron a antesala dunha contra maxistral que Gabriel Denis Vasconcellos culminaba á perfección; chapeu para salvar a saída do porteiro e gol a pracer (2-0).

O visitante acusou o golpe e tentou recompoñerse. Os árbitros volvían facer acto de presenza e pitaban unha falta perigosa ao bordo da área que ninguén entendía. O Lume FS traballa ben a estratexia e esta vez si chegaría o desconto (2-1). Pasaban os minutos e o marcador non se movía polo que os visitantes tentábano con superioridade utilizando porteiro xogador… Pero o Cereixa FS desquiciou ao visitante na defensa e tras interceptar un pase cruzado, Luca conectaba coa portería subindo o terceiro ao electrónico (3-1).

Non houbo tempo para máis e só a expulsión do capitán do Lume FS embazou un partido moi disputado entre dous bos equipos candidatos por méritos propios.

O local foi máis e queda cunha partido clave na loita polo título. Un triunfo co que os de Vincios alcanzan o liderado a falta de cinco xornadas para a conclusión da liga.

Anuncios