Cinco entidades veciñais de Nigrán piden a aprobación da modificación das Normas Subsidiarias

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Consello Sectorial de febreiro no que se tratou a modificación das normas.

O goberno de Nigrán volverá levar a pleno a súa proposta de modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento de Nigrán dende 1991 ante a petición por escrito de cinco entidades veciñais do municipio. A cuestión non pode ir ao vindeiro pleno do 26 de xullo por estar pendente do preceptivo informe xurídico, pero si irá á Comisión Informativa de Urbanismo do xoves co obxectivo de ir ao seguinte, sen descartarse a opción de convocar un extraordinario en agosto.

A modificación xa fora levada polo goberno á sesión de marzo sen que se acadase a súa aprobación debido ao voto en contra de Nigrán Decide e a abstención do PP, motivo polo que agora as entidades veciñais “A Irmandade de Priegue”, “Monteferro” de Panxón, “A Camoesa” de Camos, “A Unión” de San Pedro e “O Castro” de Chandebrito (todas elas integrantes do Consello Sectorial do PXOM) fan esta petición ao goberno e, ao mesmo tempo, solicitan á oposición que «apoien a proposta». Todas as entidades son coñecedoras dos beneficios que supoñería para moitos veciños esta aprobación porque foi tratada no Consello Sectorial de febreiro e, posteriormente, o 29 de maio mantiveron unha reunión informativa no Concello con técnicos municipais. A conclusión unánime, recollida no seu escrito, é que a modificación sería «beneficiosa para a xeneralidade dos cidadáns de Nigrán”.

A realidade é que se trata dunha proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo, polo que conta con todos os informes sectoriais favorables e permitiríaa rebaixar as restricións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. “Seguimos adiante co PXOM e a bo ritmo, pero mentres non se aproba esta modificación permitiría aos veciños do rural cuestións tan importantes como ampliar a súa vivenda en caso de necesidade ou facer unha nova división interna da casa, así que a cidadanía sería a directamente beneficiada deste cambio, especialmente os que teñen unha vivenda anterior a 1975, cando non existía a Licenza de Ocupación”, explica o alcalde, Juan González, quen non entende “cómo a oposición o rexeitou no pleno de marzo”.

«Non se pretende introducir cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se pretende variar a cualificación do solo ou aumentar a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo», resume o edil de Urbanismo, Diego García.

Anuncios