A homenaxe ás vítimas do franquismo reivindicará a presenza da memoria histórica no ensino

A illa de San Simón acollerá este domingo, 22 de xullo, a xornada en homenaxe ás vítimas do terror franquista que cada ano organiza a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) coincidindo co aniversario do golpe de estado fascista.

Dada a proliferación de peticións para acudir ao acto, a IGM ampliou a cincocentas as prazas deste ano, cen máis que en 2017, e aínda así quedou xente en lista de espera. Como cada edición, a xornada terá carácter reivindicativo, e este ano dedicarase ao papel que ten que cumprir o ensino no coñecemento da historia da represión franquista, da resistencia democrática e da loita polas liberdades en Galiza, así como á necesidade de desenvolver un programa pedagóxico centrado no coñecemento e exercicio dos dereitos fundamentais: dereito á verdade, á xustiza e á reparación e de garantías de non repetición do fascismo.

Con este motivo, a IGM convidou a participar no acto nacional a alumnado e docentes do CPI O Toural de Vilaboa, non só polos lazos emocionais que unen a este municipio coa illa senón, e principalmente, pola implicación deste centro na recuperación da memoria histórica. Hai varios anos que o Toural puxo en marcha un proxecto pedagóxico arredor da memoria da represión franquista, baseado na investigación da memoria oral no ámbito familiar, que incluíu a familias directamente vinculadas con San Simón, tanto por ter alí familiares presos como por ter participado nas redes de solidariedade postas en marcha pola veciñanza de localidades próximas á illa, fundamentalmente mulleres.

Unha representación do Toural participará no acto central que terá lugar na illa de San Antón a partir das doce do mediodía do domingo. Conducido por Teresa Carro Sobral, representante do Colectivo A Regaduxa, Memoria Histórica de Vilaboa, o acto contará coa intervención de tres xeracións para reivindicar a importancia de continuar coa transmisión da memoria. Xunto coa xeración actual que representa a mocidade do Toural, a xeración das fillas estará representada por Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, que tivo ao seu pai preso na illa, e a das netas por Celia García Pillado, cuxa avoa foi rapada. García Pillado forma parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

Antes do acto central, as persoas participantes poderán realizar un dos roteiros de memoria guiados por dúas das persoas que sen dúbida mellor coñecen a etapa en que San Simón foi campo de concentración franquista. O roteiro das dez, para os dous primeiros barcos, será guiado por Luís Bará, parlamentario e autor do libro “Non des a esquecemento”. O das once, para os barcos menos madrugadores, será conducido polo guía habitual da illa, o mestre Matías Rodríguez da Torre.

Concluído o acto central, sobre as 12.45 producirase o regreso do primeiro barco a San Adrián de Cobres.

A illa de San Simón é todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo.

Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e un terror que tiña como expresión máxima as sacas nocturnas. A pesar disto, o actual goberno galego desmantelou a política de memoria que se iniciara no ano 2006 neste lugar simbólico coa súa declaración como Illa da Memoria por parte do bipartito que ademais puxo en marcha, da man dos colectivos, numerosas actividades de homenaxe e difusión relacionadas coa recuperación da memoria histórica das vítimas do franquismo.

Todas estas iniciativas foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando incluso a cambiar a denominación de illa da Memoria por illa do Pensamento. A partir dese momento foi a Iniciativa Galega pola Memoria a que tomou as rendas da organización da Homenaxe Nacional, á que sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e tamén de reivindicación.

A IGM continúa reivindicando a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos e particularmente ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, o que obrigatoriamente debe ir aparellado coa derrogación da lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas. O acto do ano pasado serviu de punto de partida para a recollida de sinaturas pedindo a recuperación da denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, e a súa conversión de novo en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que desenvolver un programa anual de actividades centradas nesta temática. Máis de 3.500 persoas asinaron a petición.

Anuncios