Anuncios
Ticker de novas

O Frades Sunset Festival propón 12 horas de música electrónica nun escenario único

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Olga Ryazanova no Frades Sunset Festival.

A contorna da praia de Os Frades converterase o vindeiro mércores, 18 de xullo, nunha gran pista de baile con motivo da quinta edición do Frades Sunset Festival, unha cita coa música electrónica que se converteu nun referente do xénero en Galicia. Os asistentes poderán gozar de doce horas ininterrompidas de música con todas as mesturas posibles nos sintetizadores ademais dunha zona chill-out, servizo de barra e de varios food-trucks para repoñer forzas.

O Frades Sunset comezará ás 17:00 horas coa actuación de Dani Muñoz. Seguiralle a djane percy e tras ela, Ludwing Van Brothers. Ás 22:00 horas videodeejay Ralph ofrecerá unha sesión especial de dúas horas con videoclips remasterizados dos 80 e os 90 adaptada a todos os gustos musicais do público. Tamén DJ Yaggo, Thomas Living e Ángel Vakeiro. O prato forte da xornada correrá a cargo de Wally López, un dos maiores expoñentes da música electrónica española. Groove Amigos serán os encargados de baixar o pano. Ademais, Pablo Méndez animará a festa coa súa performance xunto cos da axencia Big Lab.

Hai que destacar a actuación dos dj’s baioneses Yaggo e Ludwing Van Brothers, quen participou en edicións pasadas do festival e que asesoran ao Concello cada ano para configurar o cartel.

As Concellerías de Cultura e Turismo, organizadoras do evento, apostan un ano máis pola fórmula dos máis prestixiosos festivais de praia do mundo ante o éxito alcanzado nas edicións pasadas. O festival conta coa colaboración de Aceba e varios locais de copas do municipio. Todos se uniron para poñer ritmo á vila.

O Frades Sunset Festival compleméntase cunha apetitosa oferta gastronómica. Aqueles que se despracen ata a contorna da Praia de Os Frades poderán gozar de servizo de bebidas e de diferentes food trucks que ofrecerán variadas viandas: hamburguesas, tacos, arepas, creps… unha infinidade de delicatessen a gozar nun marco incomparable cun son de fondo sen igual.

“Unha festa como a organizada polo Concello de Baiona é única en Galicia. Similar ás que teñen lugar en Eivissa, o Frades Sunset Festival non ten nada que envexar as festas de praia da illa pitiusa pois o ten todo: a mellor música dance, no mellor escenario e coa guinda da posta de sol máis espectacular da vila mariñeira”, matizou María Iglesias, Concelleira de Cultura e gran impulsora da creación do festival.

Baioneses e visitantes gozarán de forma gratuíta dun gran espectáculo nun enclave idílico que este ano se verá superado en produción, efectos especiais e performance, unha tarde e unha noite máxicas na que deixarse levar polos sentidos será tarefa fácil.

Anuncios