Sin categoría

A Xunta pon en valor o patrimonio marítimo-cultural coa promoción da lonxa de Baiona como monumento desasistido

O Consello da Xunta deu o visto e prace ao convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Confraría de Pescadores “La Anunciada”, de Baiona, para a valorización e divulgación do patrimonio marítimo-cultural, a través da mellora da accesibilidade ao espazo da lonxa como monumento desasistido. Deste xeito, o departamento, que dirixe Alfonso Villares, dá continuidade á estratexia de dinamizar a economía vencellada ao sector do mar e da pesca, coa posta en valor dos edificios marítimos como punto de atención turística desde o punto de vista patrimonial e natural.

Trátase dun acordo plurianual (2024-2028), co que desde a Consellería se cumpre outro dos obxectivos, que é dar resposta a unha demanda trasladada por este colectivo que aglutina a preto de 300 socios entres mariscadores e pescadores de baixura, ademais da promoción internacional de Galicia e da Eurorrexión como destino náutico e natural de costa ao promover a lonxa como monumento desasistido.

A Consellería do Mar ten entre as súas competencias a innovación, a investigación mariña e a divulgación e transferencia tecnolóxica sobre o mar e a pesca, que executa tanto a través dos seus recursos e programas, como en colaboración con outras entidades, apoiando accións como o convenio aprobado este luns polo máximo órgano de decisión do Goberno de Alfonso Rueda. Así, e desde a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, con este acordo posibilítase que a confraría xestione o mantemento do sistema de atención desasistido da lonxa, así como os elementos instalados para a mellora da accesibilidade e a interpretación, ademais do ficheiro de imaxes.

Supón unha clara aposta pola posta en valor e recuperación do patrimonio marítimo; obxectivo no que a Consellería vén traballando nos últimos tempos, co fin de manter vivo o acervo vinculado ao mar, e que se suma a outras iniciativas impulsadas desde este departamento como son os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP). En Galicia existen 8 GALPs e actúan sobre o territorio onde se asenta máis da metade da poboación (o 55 %), cos que se mobilizan 18,4 millóns de euros, distribuídos no período 2023-2025. Como resultado desta primeira convocatoria executáronse 64 proxectos, cun total de axuda pública de 4,9 millóns de euros e un investimento de 3,25 millóns.

A Confraría “La Anunciada” representa a máxima institución na que se asocia e organiza o sector pesqueiro e marisqueiro da zona. Entre os seus obxectivos destacan a promoción e defensa do sector, así como a optimización dos recursos de cara a obter o máximo rendemento sustentable. Situada no peirao baionés, supón un punto de comercialización moi importante das especies de peixe e marisco procedente das Rías Baixas.