Anuncios
Ticker de novas

O referente mundial Miquel Porta, na primeira xornada do curso de oncoloxía integrativa

Miquel Porta.

Máis de 30 profesionais sociosanitarios de diferentes especialidades daranse cita a partir do luns, 16 de xullo, no Hotel Talaso Atlántico para participar no IV Curso de verán sobre oncoloxía integrativa da Universidade de Santiago de Compostela, organizado en colaboración co centro de talasoterapia de Oia. Na primeira xornada intervirá Miquel Porta, referente mundial en tóxicos ambientais e a súa relación co cancro. Porta é catedrático de Saúde Pública e investigador do Instituto Hospital do Mar de Barcelona (UAB). O seu relatorio centrarase en “Promover a prevención e humanizar a asistencia, os grandes retos da oncoloxía do século XXI”. A súa intervención dará comezo ás 11.20 horas.

Tamén intervirá nesta xornada Alberto Cárceles, médico de familia da Unidade de Saúde Ambiental Pediátrica do Hospital Virxe da Arraixaca de Murcia e responsable do Programa de longo seguimento de sobreviventes de cancro pediátrico. O seu relatorio comezará ás 13.00 horas baixo o título: “Avaliación de riscos individual e comunitarios no neno con cancro”.

Como introdución a estes dous relatorios, intervirá Nicolás Piedrafita, nutricionista e máster en Saúde Pública, que falará da importancia da educación nutricional nas políticas de saúde pública.

Previamente ás sesións científicas, o curso será inaugurado por Victor Arce, vicerreitor de Estudantes e Internalización da USC, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; así como os directores do curso Lourdes Vázquez e Salvador Ramos.

Durante a tarde, participará Nicolás Piedrafita e Jesús Fernández Cruces, graduados en nutrición humana e dietética, que falarán sobre “Alimentación na prevención e tratamento do cancro. Estado actual da cuestión”. Tamén o fará Nuria Freire, licenciada en ciencias do exercicio físico e o deporte, ex responsable da Unidade de exercicio físico do Balneario de Guitiriz e unha das pioneiras en levar a cabo programas de exercicio físico para persoas afectadas por cancro, que explicará a importancia do exerceu físico no paciente oncolóxico. Leticia Fernández, do Hotel Talaso Atlántico, dirixirá un obradoiro de climototerapia, que pechará a primeira xornada do curso.

Esta é a cuarta edición dos cursos de verán sobre oncoloxía integrativa que organiza o doutor Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, en colaboración con Lourdes Vázquez Odériz, profesora da área de Nutrición e Bromatología da USC.

Anuncios