Anuncios
Ticker de novas

As “poxas” despiden a San Bieito en Gondomar

As festas de San Bieito de Gondomar están na súa recta final e hoxe, tras as tradicionais “poxas”, a festividade litúrxica dunha semana de duración darase por finalizada. O martes 10 honraron a San Cristovo, onte a San Bieito e hoxe xoves será a quenda de San Antonio. A partir das 18 horas a poucos metros do acceso á sancristía, na praza da igrexa, Carlos Riveiro, coñecido popularmente como Carlos de Gondomar, será o encargado de guiar as poxas de ofrendas, das que leva á fronte máis de 12 anos. Como en citas anteriores estarán compostas por multitude de produtos doados directamente polos veciños da condal. Trátase dunha actividade moi arraigada na vila, que leva máis de medio século celebrándose ininterrompidamente e na que todo o recadado é doado á igrexa.

Durante a xornada os presentes poxarán por produtos tales como froitas, diferentes partes do porco en salgadura, chourizos, xamón, hortalizas, patacas, verdura ademais de animais vivos. Riveiro explicou que polos galos chega a ofrecerse ata 50 euros por peza e polos pitos e coellos entre 20 e 25 euros. Conta tamén con algunha folla de bacallau de 5 quilos de peso e que en anos anteriores chegou despacharse por 100 euros. Pero ademais e como manda esta tradición teñen reservadas sorpresas tales como cordeiros e ovellas, aínda que estes só se dan a coñecer ao comezo da poxa. “Tráennolos sen avisar, desta maneira tamén mantemos un pouco a incerteza e son moitos os que se animan a vir para descubrir de que se trata”, explicou. Con todo e a pesar de que na maioría de casos teñen coñecemento dos produtos para poxar sempre aparecen novidades de última hora por exemplo gatos.

As “poxas” de San Antonio son moi coñecidas na vila e con facilidade adoitan reunir a máis de 300 persoas recadando cantidades que a miúdo superan os 1.000 euros. Teñen unha duración estimada de hora e media e van acompañadas do tradicional pasarrúas que nesta edición correrá por conta do grupo de gaitas Novos Aires de Couso.

Ás 20.30 celebrarase a misa solemne coa procesión e ás 23 horas verbena a cargo da orquestra Israel.

Anuncios