Queixas en Chandebrito por danos producidos pola circulación de vehículos pesados

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Vista desde o Monte do Castro.

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 recibiu queixas da veciñanza respecto dos importantes danos sufridos nas redes xerais de abastecemento de augas veciñais, nas vivendas (por vibracións, fumes e po) e no pavimento de varias das vías municipais de Nigrán situadas na parroquia de Chandebrito (Estrada de Chandebrito, Rúa de Pracíns, e especialmente, nas Rúas do Torreiro e das Laxes), con motivo da circulación continua de grandes camións de transporte de madeira nos últimos meses, moitos dos cales proceden de montes de outras zonas, cun peso moi elevado que provoca serios danos e molestias ás persoas residentes.

Tendo en conta o establecido no artigo 25.2 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local, sobre as competencias propias exercidas polos municipios, desde a Asociación veñen de solicitar ao Concello que se estude e se adopten as medidas axeitadas para evitar máis danos á poboación da zona e ás súas vivendas (como por exemplo, limitar a circulación deste tipo de vehículos pesados polos viarios citados). Así mesmo, solicitóuselle que se requira aos responsables a reparación dos danos causados.

Anuncios