O CSIF denuncia que o alcalde de Baiona pretende aprobar unha subida salarial “totalmente ilegal”

O Sindicato CSIF denuncia nun comunicado que o alcalde de Baiona e a concelleira de persoal, que lembran é a muller dun membro do corpo de policía local do municipio, pretenden aprobar unha subida ilegal a un grupo de traballadores “que en realidade é para a policía local pero que debían de vestir e xustificar con outros traballadores para podela levar a cabo”. Aseguran que “dicimos isto porque é a primeira vez na historia sindical que se acepta unha proposta completa cos seus puntos e as súas comas dun delegado de persoal á vez que policía local”.

Segundo sinalan desde o sindicato, como o alcalde retirou da Mesa de Negociación a RPT de forma unilateral e sen terminar de negociar, “agora pretende implicar a unha chea de servizos nunha falsa subida salarial para poderlle subir a algúns policías locais máis de 3.000€ anuais, confundindo coa súa proposta tanto ao pleno como aos cidadáns á vez que aos propios traballadores”.

Porque por unha lado na Mesa de Negociación celebrada a semana pasada si se aprobou por unanimidade unha vella reivindicación de todos os delegados e sindicatos, que era diferenciar as horas extras realizadas en noite das realizadas en xornada normal ou festivos, xa que estas horas nocturnas pagábanse como horas normais ou festivas pero nunca coa consideración de nocturnas.

“O que despois tentou o alcalde foi que tragásemos cunha proposta totalmente ilegal e pretende que o Pleno do Concello apróbea. Que quede claro aos concelleiros que voten a favor desta proposta, que estarán a cometer UNHA PREVARICACIÓN como un camión de grande e que a abstención non servirá para librarse dela porque pretenden aprobar algo ilegal na Administración Local, porque non EXISTEN OS ÍNDICES CORRECTORES das xornadas para os traballadores da Administración Local”.

Ademais, segundo o CSIF, a Policía Local de Baiona non fai as 1.642 horas anuais establecidas pola normativa como si fan o resto de traballadores do Concello, “polo que de levar esta aprobación a cabo estaríaselle pagando a estes funcionarios dúas veces por un mesmo traballo, acto totalmente ilegal. Non che poden aplicar ningún índice corrector de xornada cando nin tan sequera chegan a facer as mesmas horas como dixemos dado que a forma de establecer as quendas fai que fagan aproximadamente unhas 58 horas menos”.

“Como sindicato non nos gusta entrar nestas guerras por que non benefician a ninguén e polo que hai que pelexar é porque se retome de novo a RPT e valórense as xornadas de cada posto de traballo polo que realizan. Os que fagan xornadas festivas ou nocturnas como horario habitual que se lle paguen como tales e os que fagan xornadas festivas ou nocturnas en horas diferentes ás habituais ou extras que se lle paguen como tal (isto último é o que se aprobou na Mesa do día 19 de xuño de 2018)”.

Advirten desde CSIF que se o Pleno do Concello aproba esta proposta será denunciada a mesma antes os órganos xudiciais correspondentes e ante a fiscalía pola gravidade da proposta que se pretende aprobar. “Os sindicatos tamén temos que velar porque se cumpra a normativa en todos os sentidos e non mirar para outro lado cando se pretende unha subida salarial unilateral, non pactada e totalmente ilegal. Se polo menos a proposta fose legal poderiamos discutir as cantidades ou a forma de levala a cabo e a súa adecuación pero non podemos permitir que mediante unha xustificación ilegal preténdaselle subir a un determinado servizo o que tiña que subirlle a RPT e que o propio alcalde retirou unilateralmente da mesa de Negociación”.