Aberta a inscrición para a primeira “Depo Orienta”, que terá lugar no Monte do Galiñeiro

Grazas a Vive Deporte, a nova programación coa que a Deputación de Pontevedra pon en valor as actividades deportivas sustentables, as persoas amantes da natureza teñen a oportunidade de realizar dúas actividades de orientación. A institución provincial xa ten aberto o prazo de inscrición da primeira destas “Depo Orienta”, que terá lugar o domingo 6 de setembro no Monte do Galiñeiro.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito gratuíto no sitio web da Deputación (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade, ata un máximo de 100, pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, rematará o 31 de agosto ás 12 horas.

Amais da actividade que se levará a cabo no Monte do Galiñeiro, a Deputación tamén ten programado outro desafío de orientación no Monte da Lagoa de Castiñeira. Esta segunda actividade terá lugar o 27 de setembro e as inscricións poderán realizarse dende o día 7 do mesmo mes. O obxectivo das persoas participantes en “Depo Orienta” é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entregará xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.

“Vive Deporte” ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables e inclúe, aparte das actividades de orientación, unha trintena de rutas e andainas.