Unha trintena de mozos italianos e os seus profesores visitan Baiona

Esta mañá a Concelleira de Benestar e Igualdade de Baiona, Mª Carmen Paredes, recibiu no Concello a un grupo formado por 27 mozos procedentes do Il Polo Tecnico Professionale I.I.S Venier di Venezia, Italia, que participan nun intercambio da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A edil deulles a benvida e animounos a gozar do municipio. O Departamento de Turismo do Concello de Baiona preparoulles unhas bolsas con información do lugar que se entregaron a cada un deles e aos seus profesores acompañantes.

Tras a visita ao consistorio baionés os mozos fixeron un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da Real Vila como o Parador, a Fortaleza de Monte Real e o Centro histórico, para terminar, como broche final da visita, cun percorrido pola Casa da Navegación e polo museo flotante da Carabela Pinta. Enmarcado dentro das relacións bilaterais que mantén Galicia con distintas entidades noutros países, celébranse entre os días 24 de xuño ao 1 de xullo, dous intercambios de mozos de Venecia con mozos dos Concellos de Santa Comba e da Baña.

Entre os obxectivos dos intercambios atópanse o de facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural, e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal. Ao longo da semana os estudantes realizaron diferentes actividades relacionadas unhas co medio ambiente, e outras con patrimonio histórico. Na primeira semana de setembro do 2 ao 9 outros tantos mozos de Santa Comba e da Baña realizarán o intercambio en Venecia.

Anuncios