Gondomar celebra este domingo a Festa da Rosquilla

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festa da Rosquilla en Gondomar.

Gondomar celebra este domingo, día 1 de xullo, a Festa da Rosquilla, evento que se recuperou no 2017 despois de 11 anos sen celebrarse a pesar de estar declarada festa gastronómica de interese cultural de Galicia. Todos os que se acheguen ata a Vila Condal poderán degustar rosquillas variadas, elaboradas por Rosquillas Cristaleiro, cun prezo de 1 euro, e acompañadas dunha cunca conmemorativa da festa con viño verde portugués.

Coincidindo coa Festa da Rosquilla, o Concello recuperou tamén o irmandamento co seu homólogo Gondomar de Portugal, inactivo desde hai dúas décadas. A corporación municipal, así como outras autoridades civís e militares da contorna, recibirán ás 11:00 na Praza do Concello aos representantes da Cámara Municipal de Gondomar. Tras o intercambio de obsequios, a Banda de Cornetas e Gaitas Ría de Vigo ofrecerá un pasarrúas que marcará o inicio da degustación do típico produto local.

Ás 12:00 do mediodía, xa na Praza de San Bieito, o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, será o encargado de ler o pregón. A continuación recoñecerase á Rosquilleira máis antiga do Concello e nomearase o “ Rosquilleiro Maior 2018”. No mesmo lugar, ás 12:30 horas, haberá unha acción escénica de Inherente Teatro, titulada “Mulieris”, e actuará o Grupo de Pandereteiras “Airiños do Sobreiro” de Borreiros.

Ás 17:00 horas actuará o Mago Deimi e haberá obradoiros infantís para os máis pequenos a cargo de Volvoreta e Voltereta. A actuación do Grupo Musical Os Escaravellos pechará o programa da festa ás 18:00 horas.

Anuncios