Ciclismo Oiense organiza o próximo 28 de xaneiro a VI BTT da Chourizada de Oia, coa que arranca o calendario galego de marchas cicloturistas de montaña da Federación Galega de Ciclismo.
A saída darase ás 9:30 horas da contorna do Mosteiro cisterciense para percorrer 35 km habituais de dificultade media, o 8 km primeiros semicháns e neutralizados por parte do Camiño Portugués da Costa para ir penetrándose na Ruta Máxica de Oia pola Cabeciña, Pozas de Mougás, Sobreiras do Faro ata chegar aos petróglifos da Pousadela, onde terá lugar o avituallamento sólido e líquido. Continúase cara á Pedreira, pista Molina e Capela de San Sebastián para finalizar na Casa da Cultura de Oia para celebrar a chourizada.
Como novidade este ano, tamén haberá para os que queiran maior esixencia física, catro tramos voluntarios de máis de 8 km e dificultade alta:
– Na Cabeciña (km 10), subida con ramplas do 20% ao Curro de Mougás e baixada cara As Pozas.
– En As Sobreiras (km 20), subida polo zig-zag de Viladesuso e baixada cara á Ruta Máxica de Oia.
– Na Pousadela (km 25), baixada por O Morouzo e subida cara ao cortalume de Pedornes.
– No miradoiro de Oia (km 30), baixada pola Bullariza e subida polas revoltas da Guieira.
Paralelamente organízase a III Andaina (ruta de sendeirismo) para os acompañantes dos participantes da BTT, de 12 km de percorrido e dificultade media, que transcorre por parte do percorrido dos ciclistas, coincidindo no avituallamento dos petróglifos da Pousadela e ao finalizar na Casa da Cultura para a chourizada, animada como é tradicional por un grupo de gaitas.
As inscricións ábrense o 28 de decembro en www.magmasports.es, cun custo de 8 € para os ciclistas federados máis o custo da licenza de 1 día (10 €) para os non federados que queiran participar. Coa inscrición tense dereito á asistencia médica e mecánica, duchas e lavado de bicis, avituallamento sólido e líquido, 1 rifa para o sorteo de agasallos e o famoso bocadillo de chourizo asado e bebida ao finalizar, entre outras prestacións. Para rematar tamén haberá un cocido, para os participantes que o desexen.
Colabora a Deputación de Pontevedra, o Concello de Oia, a Federación Galega de Ciclismo e diversas firmas comerciais. Máis información en www.ciclismooiense.com ou no Teléfono-WhatsApp 666 609 410.

