O golfiño común número 3.000 desde que o CEMMA empezou o seu traballo en 1990

O pasado sábado 9 de xuño foi localizado varado en Corrubedo (Ribeira) un golfiño común (Delphinus delphis) vivo que finalmente non sobreviviu. Era o individuo número 96 da especie no que corresponde a este ano 2018, un número dentro dos valores habituais na costa galega, onde se rexistra unha media de 230 varamentos cada ano, incluíndo todas as especies de cetáceos, lobos mariños e tartarugas. Mais ao integrar o rexistro na base de datos totais da Rede de Varamentos, dende que CEMMA empezou o seu traballo en 1990, resultou que ese golfiño común representaba o rexistro número 3.000 para a especie nas nosas costas.

O golfiño común é a especie de cetáceo máis abundante nas augas cálidas e temperás do Atlántico, e iso reflíctese tamén nos varamentos en Galicia, representando o 54% do total de cetáceos. En traballos realizados por CEMMA a poboación de golfiño común en Galicia estímase en torno aos 7.4000 – 9.500 exemplares e nun recente estudo do IEO ese valor para toda a costa cantábrica é de entre 4.700 e 22.500 exemplares dependendo do método estatístico utilizado. Aínda así e pese a esa aparente abundancia, o número de individuos varados non deixa de ser abraiante. Máis aínda ao ter conta de que en distintos estudos realizados en Galicia demostrouse que o número de cetáceos que chegan á costa é só do 25% dos que morren no mar. O que supón que eses 3.000 rexistrados, que foron atopados varados, son o testemuña da morte de 12.000 golfiños reais.

Os varamentos son unha importante fonte de información sobre os cetáceos. Grazas a asistencia e recollida de mostras da Rede de Varamentos de Galicia, que conta con financiamento da Xunta de Galicia, ao longo destes anos leváronse a cabo investigacións en colaboración con centros de investigación estatais e internacionais sobre ecoloxía, anatomía, idade, dieta, reprodución, patoloxías, acústica e contaminantes na especie. Chama a atención nos últimos anos o estudo de microplásticos no aparato dixestivo en colaboración co IEO, do que se conclúe que están presentes no 100% dos individuos examinados, pero a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca. Un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados e que aínda presentan un bo estado de conservación para poder valorar a posible interacción, presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana. Isto significa, unha vez aplicado o factor de corrección dos varamentos fronte ás mortes reais, que cada ano uns 212 individuos morren por captura accidental en Galicia. Nunha poboación duns 10.000 exemplares suporía o 2,12%, un valor por enriba do máximo asumible para mortalidade dentro dunha poboación segundo os criterios de ASCOBANS, que establecen o límite no 1,7%.

Cánto tempo poderá soportar esa presión a especie?

Anuncios