Abre as súas portas en Baiona “Estela do Mar”, un novo albergue para peregrinos

Os promotores do albergue, Iago, Patri, Esther e Ivana.

Debido ao éxito de afluencia que experimenta o Camiño Portugués da Costa, un grupo de empresarios decidiu abrir o albergue “Estela do Mar”, que dará servizo de aloxamento aos peregrinos que elixan Baiona como final de etapa.

O aloxamento, situado na rúa Laureano Salgado, conta cunhas instalacións modernas, cómodas e adaptadas a persoas con mobilidade reducida. Por 15 € a noite, ofértanse 20 prazas en liteiras dotadas con lámpada individual e enchufe, coas súas correspondentes taquillas, lenzaría de cama e toalla de ducha. Conta con 2 baños separados por sexo e un adaptado, cociña equipada con electrodomésticos, máquinas expendedoras, zona de estar e lavandería.

A isto engádese unha magnífica terraza exterior, que ademais de zona de lavado e gardabicis ofrece unha área de descanso na que repoñer forzas ao aire libre tras unha dura xornada de camiño.

Como servizos extra, ofrécese aluguer de bicicletas, pádel surf e kaiak, almorzos concertados e selado da credencial do camiño.

Ivana García, Iago Duro, Patricia Leyenda e Esther Leyenda, promotores deste proxecto, destacan a necesidade deste tipo de aloxamentos en Baiona e o atractivo da vila como lugar de interese para parar e gozar. Aínda que a prioridade é para os peregrinos, tamén existe a posibilidade de aluguer por grupo cun mínimo de viaxeiros que queiran gozar uns días da vila.

Anuncios