Óscar Carreño cede a testemuña a Ana Paula Guntín, a primeira muller Xuíz de Paz de Baiona

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, deu a benvida na mañá deste venres á nova Xuíz de Paz do municipio, Paula Guntín Carneiro, que o xoves tomou posesión do seu cargo nos Xulgados de Vigo. Trátase da primeira muller que ocupará o cargo. O acto tamén serviu para despedir ao seu antecesor, Óscar Carreño, que estivo ao servizo da Vila durante 26 anos.

“Ana Paula Guntín foi nomeada Xuíz de Paz titular de Baiona polo pleno da corporación para o próximos catro anos. O perfil desta veciña baionesa, partícipe da actividade diaria da nosa Vila, dá resposta ao exercicio e función xudicial propias dun municipio como o noso. Estou convencido de que desempeñará o seu cargo con moita profesionalidade e bo facer. Deséxolle moita sorte”, matizou Rodal.

O alcalde tamén tivo unhas palabras de agradecemento ao seu antecesor polo seu gran labor ao longo de todos estes anos. “En nome de todos os baioneses e baionesas agradézoche a dedicación e os servizos prestados durante estes 26 anos no cargo. Desempeñaches o teu labor con gran calidade humana, criterio, discreción e bo facer”, destacou.

A figura do Xuíz de Paz, que se trata dun xuíz “non profesional senón que é un xuíz leigo” pero que mentres desempeña o cargo pasa a formar parte do Poder Xudicial, pero que aínda así non se trata dun posto a xornada completa senón que se desempeña durante unhas horas ao longo da semana, o departamento autonómico é o responsable do salario tanto do titular como do suplente.

O Xuíz de Paz desempeña as funcións en núcleos urbanos e en zonas rurais, e exerce de mediador entre discusións familiares ou por débedas de pequena cantidade, ademais de atender o Rexistro Civil, celebrar cerimonias, inscribir nacementos, etc. Debe ser por tanto unha persoa con experiencia, con coñecemento dos veciños, con aptitude conciliadora. Ao longo do seu mandato tamén levará a cabo actos de comunicación requiridos por outros órganos. Así mesmo ten a potestade de realizar conciliacións, punto no que hai que recalcar a importancia que ten este cargo respecto do labor de atención á cidadanía.

En outubro do 2017 o Concello de Baiona iniciou o proceso para elixir o novo Xuíz de Paz titular por un período de catro anos, ao que se presentaron un total de sete candidatos. O Pleno aprobou o pasado mes de febreiro o nomeamento de Ana Paula Guntín Carneiro como Xuíz de Paz titular do municipio, cos votos a favor do PP e PSOE e a abstención de BNG e EU.

2018-06-22 - IMG_7727