Baiona, lista para estrear os seus semáforos intelixentes

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Operarios municipais instalando os semáforos, que por momentos luciron en ámbar.

Os semáforos intelixentes que están a ser instalados na rúa Elduayen estarán a pleno rendemento a finais de mes, así o asegurou o alcalde Ángel Rodal nunhas declaracións feitas a este diario.

A peculiaridade que posúen respecto dos dispositivos tradicionais é que o seu cadro de control posibilita a sincronización das tres parellas de indicadores, o que permite modificar as frecuencias de cambio nos discos luminosos, e que ademais incorporan un pulsador para os pasos de peóns. «Aínda que unha persoa oprima o botón o cambio non é instantáneo senón que espera un pequeno lapso de tempo para que non se produza o indeseado goteo de peóns, xa que se fose así en poucos segundos teriamos uns colapsos no tráfico considerables», explicou o concelleiro Ángel Bahamonde.

Desta maneira e cos novos semáforos poderanse variar os tempos en verde ou vermello e ámbar, para adaptalos o mellor posible ás necesidades do tráfico. «En tempada baixa cando a densidade do tráfico é moderada poderemos deixalos coa luz amarela intermitente para que interfiran o menos posible na circulación», matizou Rodal.

Xa na mañá de onte varios operarios municipais comezaron cos traballos de conexión dos mesmos, que por momentos os seus discos luciron en ámbar e unha vez que estean a funcionar ao 100% daranse por rematados os traballos de acondicionamento do viario así como o do paseo Alfonso IX que fai catro meses estreou o seu carril bici. Os dispositivos regularán o tráfico desde a rotonda que leva o mesmo nome ata a intersección co viario Arquitecto Jesús Valverde.

CARRIL BICI LIMITADO A 10 KM/H

Rodal aproveitou para explicar que o carril bici está limitado a 10 km/h en todo o municipio e hai unha ordenanza municipal que así o establece. «É un tema que xera moita confusión xa que hai ciclistas que van a máis velocidade e é perigoso», mantivo. O motivo polo que está tan restrinxida nestes tramos débese a que na maioría deles comparten o paso de peóns e bicicletas de maneira que así se reduce o risco de accidentes. Rodal insistiu que aqueles que teñan certo nivel de adestro deben circular pola calzada.

Anuncios