Os alumnos do CEIP Humberto Juanes de Nigrán pecharon onte o curso escolar realizando unha última colleita no seu invernadoiro xunto o alcalde, Juan González, e o edil de participación cidadá, Alfonso Vázquez. A instalación, de 14 metros de lonxitude por 8 de ancho, foi recuperada este curso coa colaboración do Concello de Nigrán, que aportou boa parte do material para a súa reconstrución e os apeiros. Ao longo do ano, os 400 alumnos, divididos en clases, plantaron e colleitaron leitugas, repolos, remolachas, patacas, cenorias, xudías, tomates, herbas aromáticas, brecol… Todo elo dentro do proxecto “Ñam, ñam, comemos san!», que ten como obxectivo guiar aos nenos no camiño da alimentación saudable cun aprendizaxe integral e lúdico sobre os vexetais, dende a súa orixe ao prato.


