
Usuarios do Centro de Educación Especial Juan María recibiron este martes os diplomas acreditativos de asistencia ás xornadas de educación viaria 2017/2018 impartidas pola Policía Local de Nigrán coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
O centenar de usuarios deste centro acudiron ás clases teóricas e prácticas levadas a cabo no mes de maio empregando karts eléctricos da DXT, co apoio tamén da Asociación DisCamino, que prestou os seus triciclos e bicicletas adaptadas, e o GES, que mostrou os diferentes vehículos de emerxencia (como o camión de bombeiros). Os axentes ensínanlles a interpretar os seus sinais, os luminosos, verticais e horizontais. Tamén lles indican como colocarse na bici, como facerse visibles ou a obrigatoriedade do casco para menores de 16 anos.
Como en cada curso escolar, os centros educativos de Nigrán beneficiáronse ao longo do mes de maio de clases teóricas e prácticas completamente coordinadas, deseñadas e impartidas desde a Policía Local coa colaboración de DXT, que cede os recursos para un circuíto. Mantense así un traballo que este corpo iniciou no curso 2013/2014 impulsado polo propio inspector xefe José Manuel Vázquez á súa chegada ao municipio (anteriormente facíao a DXT co apoio dos axentes locais).