Artesáns&Kids venderá este fin de semana os seus produtos en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Algúns dos alumnos e alumnas que compoñen "Artesáns&Kids" no posto da Arribada.

A cooperativa Artesáns&Kids fará este fin de semana a súa última venda na vila de Baiona. O sábado estarán de 10:00 a 13:00 horas na Praza de Abastos e o domingo de 11:00 a 14:00 horas na rúa Carabela Pinta. Algúns dos produtos que se poderán atopar son broches, lapiceiros, cadernos, trenzas para o pelo, chaveiros, frascos de cristal, tres en raia coas fichas feitas coa casca de noces, carteiras, pulseiras, aneis, marcapáxinas ou pousavasos.

Artesáns&Kids é unha empresa constituída polos 19 alumnos e alumnas de 6ºA de Primaria do CPI Cova Terreña de Baiona no marco do programa “Depoemprende na Escola” da Deputación de Pontevedra, posto en marcha por segundo ano consecutivo pola institución provincial e que ten como obxectivo fomentar o emprendemento entre os máis novos.

Con esta venda a iniciativa chegará ao seu fin. Para a semana que vén farán as cuentas e repartirán as ganancias obtidas coa protectora de animais Bai.senpulgas e coa ONG “Ayuda al Mundo Necesitado” de Baiona.