O tobogán acuático que triunfou en Vigo e Gondomar estará este sábado en Baiona

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Foi un éxito en Vigo e Gondomar e promete selo tamén en Baiona. O Concello celebra este sábado o fin das humanizacións das rúas Marqués de Quintanar, Cidade de Vigo e Laureano Salgado con diversas actividades, entre elas un tobogán acuático que fará as delicias de pequenos e maiores. Estará instalado na rúa Laureano Salgado, á altura do Liceo Marítimo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A entrada será libre e gratuíta para todas as idades.

Trátase dun tobogán de vinilo xabonoso e moita auga que farán alcanzar velocidades incribles, ata terminar nunha piscina na que se produce a parada do esvaradío bañista. A empresa encargada da instalación deste megatobogán acuático será, do mesmo xeito que en Vigo e Gondomar, Slide the City. Aínda que segundo sinalou a concelleira de Cultura, María Iglesias, non será o tobogán completo, que ocupa 125 metros, pero montaranse os máximos que permita a rúa.

Para gozar da atracción só hai que poñerse o bañador ou biquini, coller carrerilla e lanzarse á pista, co flotador que será facilitado á entrada. O único límite de idade que se establece é para maiores de 5 anos que midan máis dun metro de altura. Non se permiten as viaxes en parella nin que unha persoa súbase á outra. Tampouco está permitido saltar con mascotas.

Para poder levar a cabo todas as actividades é necesario cortar o tráfico na zona de Marqués de Quintanar e Laureano Salgado desde as 23:00 horas do venres, día 22 de xuño, ata as 23:00 horas do sábado, 24, por iso o Concello de Baiona ofrece aparcadoiro gratuíto durante todo o día no aparcadoiro do Aral.