Alfonso Mandado será o director deportivo da Universidade de Vigo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Alfonso Mandado.

Manuel Reigosa, que converteuse este venres no sexto reitor da Universidade de Vigo, nomeará a Alfonso Mandado como novo responsable do Servizo de Deportes da institución. O gondomareño xa dirixira este área na etapa do ex reitor José Antonio Rodríguez Vázquez, anos nos que se construíu o pavillón de deportes do campus vigués.

Mandado, nacido en Gondomar en 1952, é doutor enxeñeiro industrial e profesor de organización de empresas na Universidade de Vigo. Antigo xogador afecionado de fútbol, balonmán e rugby, salientou como directivo deportivo presidindo a Federación Española de Rugby entre 2001 e 2012, ocupando a vicepresidencia do Comité Olímpico Español e a vicepresidencia do consello de administración da Fédération Internationale de Rugby Amateur. Foi concelleiro en Baiona e presidente do Club Baloncesto Baiona, e este mesmo mes de xuño remata o seu mandato como presidente do Gondomar Club de Fútbol.

Alfonso Mandado comezou a súa traxectoria deportiva xogando no Gondomar CF da súa localidade natal. Daquela o club acadou o seu primeiro ascenso á Terceira División. Por mor dos seus estudos residiu en Santiago de Compostela e en Bilbao. En Santiago xogou na SD Compostela e en Bilbao xogou a balonmán e comezou a practicar rugby. Rematou os seus estudos en Madrid onde defendeu as cores do Club de Rugby Cisneros, equipo de referencia nacional nos anos 70 e 80.

Xa de volta en Galicia xogou no CDU Santiago e volveu ao seu club de fútbol que mesmo adestrou, até que foi chamado por Antonio Moreno Romo de Arce para que houbese un directivo galego na FER baixo a súa presidencia. Ocupou o cargo de mánager da selección sub-23 dende 1996 e despois da selección absoluta. Foi membro da directiva tamén baixo a presidencia de Alberto Pico Marín ate o seu falecemento en 2001. Entón Alfonso Mandado presentou a súa candidatura para presidir a federación e foi elixido, ocupando o cargo de presidente durante tres lexislaturas.

Anuncios