100 metros de barreiras metálicas protexerán as vivendas da contorna do Castro de Chandebrito

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, supervisarán este martes o inicio das obras na contorna do Castro de Chandebrito no Concello pontevedrés de Nigrán.

Os traballos arrancan toda vez que se obtiveron as autorizacións necesarias para a intervención, correspondentes ás posibles afeccións a elementos patrimoniais no perímetro. Unha actuación á que a Consellería de Medio Rural destina 64.432,46 euros e que responde á proposta técnica encargada a Universidade de Vigo.

Moitas das áreas afectadas pola vaga de lumes do pasado outubro presentan alteracións na cuberta vexetal e atópanse situadas en zonas de elevada pendente, próximas a zonas habitadas, con formacións rochosas con presencia de bloques de granito que poden chegar a sufrir algún desprendemento e danar edificacións. Este é o caso do Monte do Castro, na parroquia de San Xosé de Chandebrito.

De cara a analizar o risco de caída de elementos pétreos, a instancias da Consellería do Medio Rural, e a través da empresa pública Seaga, encargouse á Universidade de Vigo que emitira un informe de riscos por desprendemento na zona obxecto de intervención.

O informe elaborado pola ETSE de Minas e Enerxía descartou a existencia dun perigo inminente. Tras varias visitas técnicas á zona, e unha vez recompilados os datos básicos de topografía, geoloxía, geotécnica, sísmica e meteoroloxía, non se atopou ningún indicador que alertase da existencia de zonas inestables. Con todo, o profesor propón unha serie de actuacións que son as que levaranse a cabo.

Así, as obras contemplan a instalación de 100 metros lineais de barreiras dinámicas, separadas en dous tramos, cunha altura máxima de 3 metros e perfís de aceiro cada 10 metros. A pantalla foi proxectada para absorber unha enerxía cinética de ata 600 quiloxulios, equivalente a un bloque dunhas 2,5 toneladas (1 metro cúbico) que se lance a unha velocidade duns 21 metros por segundo.

No caso de Chandebrito estimouse unha enerxía de impacto de 500 quiloxulios xa que a pendente existente reduce a velocidade dos bloques desprendidos e á vez reduce a enerxía de impacto. Entre os postes dispoñerase un cerramento a base de rede de cables de aceiro con mallas de triplo torsión, co obxectivo de interceptar a traxectoria das pedras e controlar así o impacto. A pantalla realiza este traballo deformándose e transmitindo as solicitacións aos disipadores e ancoraxes da estrutura.

2018-06-05 - 2016-03-16 19.22.58