Nigrán inviste 13.000 € na instalación de 15 bocas contraincendios en puntos de todo o municipio

O Concello de Nigrán e a concesionaria de abastecemento Aqualia están a finalizar a instalación dun total de 15 hidrantes ou bocas de incendio en todo o municipio para o uso dos bombeiros en caso de lume, o que supón un investimento de 13.000 €. Trátase dunha columna que fornece gran cantidade de auga en moi pouco tempo, permitindo a conexión de mangueiras e equipos de loita contra incendios, así como o enchido das cisternas de auga dos bombeiros.

Así, ao único hidrante existente ata agora en Porto do Molle súmanse novas bocas en Camos (San Roque), Parada (Praza da Carrasca), Nigrán (Fonte do Sarabia, Cemiterio Municipal), Priegue (Rotonda de Prado, Praza do Peregrino, Parque Don Marcial, Campo de fútbol de Condomínguez), Panxón (Sancho, Pavillón Municipal), San Pedro (Campo de fútbol de Lourido, CEIP Carlos Casares, campo de fútbol Vilariño, Torreiro de San Pedro, Praza do Viso, barrio do Souto). Todos eles foron instalados en zonas onde chega o abastecemento municipal de auga e existe presión e sección de condución de caudal suficientes.

«É unha medida máis para facilitar aos bombeiros a loita contra o lume, xa que grazas a eles o GES pode encher o seu camión de 2.000 litros en menos de 2 minutos. Nos incendios do 15 de outubro fomos conscientes de esta carencia e como isto sí entra dentro das nosas competencias quixemos solucionalo», sinala o alcalde, Juan González, quen avanza que «se irán dotando de máis bocas todas aquelas rúas nas que se emprendan obras de mellora e non existan». «En Chandebrito non hai abastecemento municipal e por desgraza non podemos instalar o hidrante, pero agora o máis próximo á parroquia está na rúa San Roque de Camos, non en Porto do Molle, así que aínda así se gaña un tempo crucial», engade.

A instalación de bocas antiincendios en todo o municipio é unha máis das medidas que o Concello de Nigrán, nas súas competencias, toma para mellorar a loita contra o lume, non só en caso de incendios forestais, se non en caso de lumes en vivendas ou contornar urbanas, xa que coa instalación destas 15 columnas queda cuberto todo o territorio.

Anuncios