Anuncios
Ticker de novas

Arela busca persoas e familias dispostas a convivir con adolescentes con medidas xudiciais

Eva Piñeiro e Ánxela Álvarez, técnicas de Arela, xunto coas técnicas do Programa de Educación Familiar de Nigrán, Meaño, Sanxenxo, Baiona, O Rosal, A Guarda, Oia, Tomiño e Gondomar.

Arela e a Xunta de Galicia poñen en marcha o programa CONVIVE.comigo. Trátase dun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia con persoa ou familia.

A asociación Arela e a Xunta de Galicia levan a cabo o programa CONVIVE.comigo nas provincias de Pontevedra e A Coruña, coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teñan a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2018 están a buscar os apoios dos diferentes concellos galegos destas provincias de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios de ambas provincias.

A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo e garantir un alto grao de dispoñibilidade, sen buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais e a experiencia previa en programas de acollemento familiar, así como ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia e formación de carácter xurídico.

Arela ofrecerá unha formación grupal e individual e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa. Dende a páxina web da asociación pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o teléfono da súa sede central (986 21 25 37) ou a través do correo electrónico convive@arela.org

ARELA (www.arela.org) é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos, tales como casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.

Anuncios