Nigrán modificará en breve o balizado marítimo de Patos

O Concello de Nigrán procederá nos próximos días ao cambio de cores de varias das boias da praia de Patos para facilitar a comprensión das canles de acceso ao areal para embarcacións, zonas de baño e exclusivas para uso dos surfeiros e a práctica de deportes náuticos en xeral. Ademais co fin de reforzar a sinalización desde terra, os traballadores de Protección Civil instalarán carteis na beira que serán colocados á primeira hora da mañá e retirados cando acabe a xornada.

Trátase dunha experiencia piloto que se poñerá en práctica este verán. O técnico municipal José Manuel Lomba explicou a pé de praia que desta maneira reflectirán explicitamente a bañistas e usuarios de medios acuáticos en que zonas pódense bañar e en cales non. “Por exemplo, Protección Civil ou navegantes que fan uso das canles de acceso desde a auga saberán por onde teñen que entrar e saír”, matizou. Desta maneira tratarán de minimizar as incompatibilidades que poida carrexar o uso de táboas cos bañistas. “Os espazos acoutados para o uso de deportes náuticos son tanto para as escolas como para os deportistas que van por libre”, engadiu. Ademais explicou que eliminarán as boias verdes e vermellas innecesarias, que indican babor e estribor, para substituílas por amarelas.

Para unha correcta navegación, así como para a aproximación á zona de praias é necesario o coñecemento do código marítimo, do mesmo xeito que o de circulación en terra, pero esta comprensión pódese facilitar cunha sinalización que non dea lugar a confusións. Os cambios efectuaranse entre esta semana e a seguinte.