
O Concello de Baiona e Gestagua, concesionaria do servizo de abastecemento municipal, acordaron o pasado mes de outubro non cobrar os excedentes de auga utilizados polos veciños que se envorcaron na extinción dos incendios que arrasaron a localidade. Este xoves o alcalde, Ángel Rodal, reuniuse co director de explotación da empresa, Gonzalo Murillo, para agradecerlle que cumprise o acordo.
“Puxémonos en contacto desde o Concello con el para que tivese en conta os consumos das vivendas próximas aos incendios, xa que estes veciños/as tiveron que usar os seus propios medios para sufocar as chamas que se achegaban ás súas casas, ante a imposibilidade dos bombeiros poder atallalo, porque a falta de medios era evidente ao ser moitos os concellos da provincia afectados ao mesmo tempo”, lembra Rodal.
Segundo os informes que Gestagua fixo chegar ao rexedor, descontáronse máis de 1.000.000 de litros de auga a uns 73 afectados. Ao ter que revisar os contadores en varias ocasións, o envío para cobro do recibo sufriu un atraso de case seis meses, o que fixo coincidir dous recibos en dous meses consecutivos. Rodal pide desculpas aos usuarios da rede de augas de Baiona e insiste en que “non é que se cobre cada mes, senón que un deles tardouse demasiado en xestionar, pero isto xa está emendado”.
“Quero agradecer a Gonzalo Murillo e á empresa Gestagua a súa boa predisposición ante esta adversidade”, conclúe o alcalde.