O PP de Baiona, asombrado polos coñecementos esixidos para o posto de operario de recollida de lixo

O grupo municipal popular móstrase asombrado ao ver o temario que o tripartito que xestiona o Concello de Baiona esixe coñecer aos aspirantes para ocupar o posto de operario de recollida de lixo, cuxa selección se realizará nos próximos días. Trátase dunha contratación que o goberno local realizará a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e na que se pide aos candidatos ser expertos en mecánica de camións para poder optar á praza de operario.

Por describir algúns dos coñecementos que se requiren na convocatoria, está o de “manexo e destreza do camión de recollida de lixo, motores de explosión e combustión, a transmisión, embrague e caixa de cambios do vehículo ou os elementos de control, avisadores ópticos e acústicos necesarios para o funcionamento do camión e detección de avarías”.

Desde o PP consideran desproporcionado o contido do temario e reclaman ao tripartito baionés que permita ás persoas que queiran acceder a ocupar este posto que o poidan facer con todas as garantías, seguridade e transparencia posibles. Cabe lembrar que a función dun peón de recollida de lixo, en termos xerais, é a de trasladar o contedor desde a súa localización ata o camión, supervisar o correcto baleirado e retirar os residuos depositados fóra dos contedores e introducilos dentro do vehículo para, por último, devolver o contedor ao seu lugar de orixe.

“Resulta discriminatorio e inxusto que para desempeñar un traballo de peón de recollida de residuos unha administración pública, e máis aínda un Concello, requira unha formación moi por encima da necesaria e máis aínda nun momento tan difícil como o actual cando tantas familias necesitan acceder a un posto de traballo, aínda que sexa temporal como é este”, opinan.