Anuncios
Ticker de novas

Baiona, Gondomar, Nigrán e outros 11 concellos únense para poñer en marcha un xeodestino turístico

O turismo é unha actividade económica complexa de carácter transversal na que se debe de investir en recursos e servizos para dar resposta á demanda dun mercado tremendamente esixente, dinámico e influenciable. Para aglutinar esforzos e xerar un maior fluxo turístico, os 13 concellos do territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui) veñen de unirse ao concello de Soutomaior para presentar a súa candidatura como xeodestino turístico.

Estes xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

Un proxecto común para un turismo de calidade

“É moi importante que aquelas comarcas turísticas que teñen cousas en común aproveiten para facer entre todos un territorio turístico que nos permita falar de Galicia de forma especializada. Trátase dunha oportunidade para que os turistas descubran o noso territorio con todo o que pode ofrecer. Se todos sumamos podemos sacar adiante este territorio”, explicou a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a presentación da candidatura este martes 22 de maio na Casa do Concello de Baiona.

Para Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio do GDR 14, é precisamente esa unificación territorial a que “debemos aproveitar para traballar xuntos en novos proxectos. Estamos convencidos de que o turista non busca soamente un destino, senón a complementariedade da oferta. E facendo isto xuntos os beneficios non se suman, se multiplican. Estamos convencidos de que xuntos somo máis fortes”.
A actual Estratexia de Turismo de Galicia 2020 contempla os xeodestinos como fórmula para mellorar a cadea de valor do turismo e como catalizadores. Nestes intres xa existes dentro da marca Galicia 14 xeodestinos e o creado polo GDR 14 e Soutomaior estaría enmarcado no denominado Rías de Vigo e Baixo Miño, que conta na actualidade cun subxeodestino xa constituído e traballando, o de Condado-Paradanta.

Respaldo unánime

O acto de presentación contou coa presenza e respaldo de representantes dos 14 concellos implicados neste xeodestino, como Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio do GDR 14; Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; María del Carmen Alonso, alcaldesa de O Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Raquel Giráldez, tenente de alcalde de Nigrán; Julia Loureiro, concelleira de Mos; Teresa París, concelleira de Turismo de Redondela; e Beatriz González e José Ángel Bahamonde, concelleiros de Baiona.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, concello anfitrión na presentación da candidatura, quixo recalcar que a unión de todo o territorio para levar adiante esta iniciativa “é moi importante, porque aínda que os turismo é un valuarte a nivel nacional e autonómico, pero o usuario demanda uns servizos de calidade. O xeodestino potencia as sinerxías que podemos ter en común e a calidade da nosa oferta ao implicarse e cooperar. Porque non vamos a competir, senón compartir”.

A posta en marcha da iniciativa continuará coa definición do modelo de xestión do xeodestino, coa redacción dun Plan Estratéxico e coa implicación tanto do sector privado como do público, buscando vías de financiamento e desenvolvemento. O obxectivo é impulsar un proxecto que se presenta como unha excelente oportunidade para darlle pulo ao turismo no territorio optimizando recursos estruturados e organizados, ofrecendo produtos turísticos diferenciados, competitivos e recoñecibles polo mercado; creando unha infraestrutura turística coordinada con capacidade para atender debidamente ao visitante; traballando baixo unha imaxe de marca recoñecible que permita diferenciar este xeodestino fronte ao resto de opcións coas que compite; xerando un proxecto común coa implicación de todos os concellos participantes guiado por un plan estratéxico ou un plan director que marque o camiño a seguir; e artellando unha estrutura organizativa e de xestión que permita desenvolver as estratexias e coordinar as accións definidas no plan director dun xeito profesional, áxil e permanente.

Anuncios