A feira educativa ExpoTuronio mostra a actividade do instituto de Gondomar

Ao longo da xornada deste luns o IES Terra de Turonio desenvolveu a feira ExpoTuronio, un evento que por primeira vez pon ao alcance da comunidade educativa e do público en xeral a actividade que se desenvolve no centro educativo ao longo do curso.

Co alumnado como principal protagonista, diversos stands abertos ao público mostraron as actividades preparadas para a ocasión, desde a musicalidade das fraccións ás prácticas de laboratorio, desde unha “transform-arte” á descuberta das plantas medicinais. “Camiñando entre as plantas” ou “a invasión colorofílica” ( en colaboración coa Universidade de Vigo) e os stands de reducir, reutilizar e reciclar achegaron a visión dun desenvolvemento sostible baseado nos recursos naturais.

Tamén se proxectou o documental “Queimados” estreado nas Letras Galegas que recolle o impacto causado polos incendios do pasado outono no alumnado do centro.

CONVIDADOS

Desde a Radio Turonio fíxose unha emisión a través da Web do instituto de diversas entrevistas con convidados á feira. O investigador e neurocientífico Carlos Spuch do hospital Álvaro Cunqueiro foi entrevistado a primeira hora sobre a importancia do cerebro na aprendizaxe. A seguir foi o profesor da Universidade de Vigo, Luis González, quen falou das plantas invasoras. O debuxante e biólogo, Tokio, foi interrogado sobre a súa novela gráfica “Cabana de Balieiros”. E tamén a escritora Iria Misa respondeu ás preguntas do alumnado sobre as súas novelas. O profesor Hermes Salceda da Universidade de Vigo falou sobre a lingua e a cultura francesa.

A última hora achegáronse á radio os concelleiros de Urbanismo, Antonio Araújo, e o de Turismo, Xosé Antón Araúxo, para falar das súas áreas de xestión.

Toda a programación emitida en directo será posta en aberto na canle de Radio Turonio en Youtube.

CONGRESO DE SÁUDE

Xa pola tarde foi momento de realizar o II Congreso de Saúde, unha actividade de investigación realizada polo alumnado nas súas familias para coñecer o estado de saúde da poboación. Os resultados son expostos aos pais e nais, que son convidados, nunhas exposicións sobre os resultados obtidos coas diversos problemas de saúde.