
O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto considera que as actuacións levadas a cabo pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Depo Remse no pq 2+630 da EP-2301, na contorna do Colexio de Primaria Xosé Neira Vilas en Peitieiros, en pouco ou nada van mellorar ou solucionar o problema existente na entrada e saída dos nenos e nenas do centro escolar.
Este espazo existente á beira da estrada provincial concentra gran parte da actividade social, cultural, asociativa e deportiva da parroquia, xa que se atopa a Igrexa de San Miguel, o torreiro, o cemiterio, o edificio do Centro Cultural e da Comunidade de Montes, Comunidade de Augas, así como dous centros educativos, o Colexio de Primaria Xosé Neira Vilas e a sede e aulas do centro de educación infantil Centro Rural Agrupado Antía Cal.
Desde CABE critican que a actuación sobre este tramo de estrada fixérase sen falalo coa comunidade escolar do Centro de Primaria, nin coa Dirección do Centro, nin coa ANPA. “Temos claro que a estrada é de titularidade da Deputación pero se podería solicitar a súa cesión. Hai unha reivindicación que vén de lonxe sobre a seguridade dos Centros Escolares anteriormente citados e se vén reclamando dende hai anos unha solución”, recorda Pauliño del Río.
O voceiro de Gondomar Concello Aberto afirma que este Plan Depo Remse podería ser unha oportunidade para acordar unha solución de mellora da seguridade viaria no centro da parroquia de Peitieiros, non so para os nenos e nenas senón para toda a veciñanza que acode ás distintas actividades que descorren nos centros ou edificios antes citados que podería abarcar mesmo a estrada propiedade do Concello que vai ao barrio da Gándara no seu primeiro tramo igual que o camiño de baixada á sede do CRA.