Iago Alonso gaña unha accidentada VII Carreira Master Concello de Gondomar

Iago Alonso venceu nunha accidentada VII edición da Carreira Master Concello de Gondomar, celebrada este domingo. O corredor do Chantadino C. C. completou o circuíto de 75 quilómetros en 1:41:37. Na categoría Master 30 o segundo clasificado foi Juan José Álvarez (Master da Louriña C.), mentres que a terceira praza ocupouna Helder Pereira (Ronda).

Na categoría Master 40 o primeiro clasificado foi Luis Machado (Boavista), seguido de Rubén Fernández e Eduardo Tajes, ambos os dous do Norinver Cycling Team, en segunda e terceira posición respectivamente.

Javier de la Fuente (Cycling Team Cabañas C.) foi o campión na categoría Master 50, por diante do independente Armindo Mansilhas, que ocupou a segunda praza, e Enrique Vázquez (Monte Xalo P.C.), en terceira posición.

O premio especial de Meta Volante levoullo Juan Luis López de Guereño, do Ría de Vigo C.C., mentres que o de Montaña foi para o seu compañeiro de equipo Miguel Fernández. Por equipos, o primeiro clasificado foi o Chantadino C.C.

A proba, organizada polo Club Ciclista Gondomar, consistiu nun circuíto de 15 quilómetros con saída desde a Praza do Concello, con subida a Chaín, Morgadáns, Peitieiros, Couso e volta. As categorías Master 50 e Master 60 tiveron que completar catro voltas, mentres que os Master 30 e Master 40, cinco.

Unha caída provocou a paralización da carreira, non podéndose renovar ata o regreso da ambulancia. Resultaron feridos os corredores Bernardo Gallego (Gondomar C.C.), Juan José de Padua (Orensano C.C.) e Pablo Daniel Méndez (Master da Louriña C.).

Dos 86 inscritos cruzaron a meta un total de 58 corredores. Os encargados de entregar os trofeos foron o alcalde, Paco Ferreira, e as concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas. O presidente do Club Ciclista Gondomar, Roberto Valverde, entregou as camisolas da Copa Galicia, na que Iago Alonso segue líder en Master 30, Rubén Fernández en Master 40 e Javier de la Fuente en Master 50.

CLASIFICACIÓNS VII CARREIRA MASTER CONCELLO DE GONDOMAR

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios