El IEM organiza la XVI Xeira Alén Miñor al Alto Miño-Castro de Viladonga

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza a XVI Xeira Alén Miñor ao Alto Miño-Castro de Viladonga os próximos 2 e 3 de xuño, con saída ás 8:00 da mañá desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar e regreso aproximado ás 21:30 horas ao mesmo lugar. Estará guiada por Felipe Arias Vilas (ex director do museo do Castro de Viladonga, arqueólogo, historiador e profesor-investigador ad honorem na Facultade de Humanidades da USC en Lugo.

Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM aos teléfonos 986 360 575 ou 627 276 816, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. O prezo é de 130 euros para os socios e de 140 para os non socios. O Nº de conta do IEM é ES95 2080 5035 0730 4001 4164. O prazo para inscribirse rematará o 22 de maio, e o prezo inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar de sábado e domingo, hotel, almorzo do domingo, o guía e as visitas.

PRIMEIRO DÍA

Viladonga é un castro de gran tamaño, monumentalidade e sona. Xacemento senlleiro, da primeira historia dos poboadores galegos. Ten unha forte pegada na tradición oral e no folclore da comarca. É unha das referencias culturais galegas polo seu interese histórico e cultural, pero tamén por como se planificou e se xestionou dende o seus comezos, cumprindo cunha función social, cultural e didáctica, a maiores da puramente turística.

Viladonga é un exemplo dos castros que se seguen habitando despois da conquista romana do noroeste, e convérteo nun lugar clave para estudar e entender o desenvolvemento e a evolución da Cultura Castrexa na etapa galaico-romana, conservando estruturas e materiais de tradición anterior (Idade de Ferro) pero achegando trazos e elementos foráneos procedentes doutras partes do Imperio Romano, próximas ou distantes. Ocupa a coroa dun monte, a unha altura de 550 m e ten unha extensión aproximada de 4 hectáreas.

A importancia do museo no contexto do xacemento é fundamental. Paralelamente a isto a súa implicación e compromiso co territorio e a idiosincrasia chairega é total. Dende as orixes das escavacións (1971) ata a apertura do museo (1986) tívose un especial interese en que o criterio museográfico da súa montaxe estivese marcado polo carácter didáctico do alí exposto. A calidade dos fondos mostrados, xunto cos elementos que favorecen ao visitante a comprensión da información asociada á grandiosidade do xacemento e da paisaxe na que está mergullado, farán dela unha estadía inesquecible.

Lagoa de Caque ou Bardancos

Cospeito e a lagoa de Caque forman dous dos principais sistemas lacustres de Galicia. Ambos os espazos son lagos de carácter seminatural, cuxa forma actual é debida a proxectos de rexeneración que deixan atrás os intentos de desecación de tempos pasados. Os observatorios e paseos circulares conxugan a súa accesibilidade coa conservación das fráxiles zonas húmidas. Trátase dunha paisaxe modelada pola actividade agrícola e gandeira no que aínda hai espazo para a conservación de manchas boscosas autóctonas. Carballeiras, soutos e especies asociadas ás ribeiras fluviais converten o lento fluír das augas nun lugar de gran beleza e quietude.

Castro de Rei

Capitalidade histórica do concello, co seu antigo núcleo ás beiras do río Azúmara. Posúe un rico patrimonio con moitísimas referencias de arquitectura civil: pazos, casas grandes e torres, a maioría delas construídas entre os séculos XVIII e XIX.

Noite en Lugo.

SEGUNDO DÍA

Achegamento á Lagoa de Fonmiñá (un dos illós do primeiro Miño…) onde se xuntan augas subterráneas e de orixe kárstica, procedentes de diversos nacentes. Aquí o Miño “colle corpo” para seguidamente e paseniño percorrer os 340 km aproximadamente ata mesturarse co salgado da costa Miñota.

Estas augas proceden do seu nacemento, uns 10 kms máis arriba, no Pedregal de Irimia. Morrena glaciar de, aproximadamente, 700 mts de lonxitude. Depósito de rochas onde emerxen as augas subterráneas polo final dun embude de pedras. Este espazo é obxecto de multitude de lendas relacionadas co río Miño.

Mosteiro Cisterciense de Meira

Coñecido desde o ano 997, cando posiblemente era unha casa beneditina. A súa fundación efectuouse entre os anos 1151 e 1154. A casa foi reformada e en 1503 integrouse á Congregación Cisterciense de Castela, o que levou este establecemento a unha época de estabilidade e riqueza que permitiu a súa renovación arquitectónica. Nesta época emprendeuse a construción dun novo claustro en substitución da anterior e doutro, de nova planta, coas súas dependencias anexas.

Xa no século XIX, o mosteiro sufriu os efectos da guerra da Independencia, transformándose en hospital. Unha vez recuperado e restaurado sufriu unha nova dispersión temporal dos monxes con motivo do Trienio Liberal. Despois a desamortización de 1835 deixouno definitivamente sen comunidade relixiosa. O mosteiro atopábase en estado de ruína cando en 1845 foi entregado ó Concello. Máis adiante, restauráronse algunhas das dependencias, especialmente a igrexa e actualmente só se conserva este edificio e unha parte das dependencias ocupadas pola reitoría e as oficinas municipais.

Mazo de Ferreira Vella (Riotorto)

A primeira referencia histórica á artesanía do ferro en Riotorto atopámola na documentación medieval do Século XVI do convento de Vilanova de Lourenzá. Esta foi de gran peso no municipio de Riotorto. Por iso é polo que se concibiu a idea de restaurar e mellorar os mazos co fin de dar a coñecer esta profesión que, actualmente, se atopa en perigo de extinción.

Os ferreiros destacaron e destacan principalmente pola elaboración manual de fouces e coitelos, ferramentas que, en todo caso, se caracterizan por unha maior calidade fronte ao produto de fábrica. Antigamente denominábanse mazos de auga e movíanse por forza da auga, hoxe en día todos son mazos eléctricos. Con estes e co martelo na bigornia (neste caso manualmente), os ferreiros van dando forma ao aceiro, que previamente poñen ó lume a altas temperaturas.