Non Si? Teatro presenta en Gondomar a obra “Romance de Micomicón e Adhelala”

FOTO: NON SI? TEATRO // Equipa da obra "Romance de Micomicón e Adhelala".

Non Si? Teatro representa este domingo 20 de maio ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar a obra “Romance de Micomicón e Adhelala” de Eduardo Blanco Amor. A obra está interpretada por Isaac Villar, Iria Collazo, Jorge Pérez, Maite González e J.M. Egido. A dramaturxia e dirección é de Mónica Sueiro.

A entrada é de balde ata encher o aforo. Un príncipe xigante, unha raíña histérica, un feitizo e moito máis nunha farsa de 50 minutos para todos os públicos.

Trapalandia é un reino estrafalario gobernado por unha raíña histérica nun palacio a piques de derrubar polas arroutadas de Micomicón, un príncipe xigante por mor dunha maldición. Entre tanta tolemia vive Adhelala, unha princesa cautiva que posúe a sabedoría e o valor para cambiar as cousas. Só ela coñece a orixe do mal do príncipe e o feitizo para curalo.

Non Si? Teatro é o grupo de perfeccionamento da Aula de Teatro de Baiona que leva funcionando na vila desde finais do 2006. Foi galardoado con premios nas edicións Xuventude Crea 2007, 2010 e 2015 e na que tamén foi finalista en catro ocasións.

A Aula de Teatro ten tres obradoiros: iniciación para adultos, perfeccionamento (Non Si? Teatro) e o obradoiro para nenos e nenas (Maxín Teatro).