A hórreo-biblioteca da Percibilleira, un ano achegando os libros a pequenos e maiores

A hórreo-biblioteca, a primeira biblioteca do barrio baionés da Percibilleira, cumpre este xoves o seu primeiro aniversario. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por Ángeles Quintas Carneiro, veciña da zona e bibliotecaria de profesión, baixo o lema “Colle un libro, deixa un libro”.

Trátase dun intercambio de libros e de poñer a disposición de todos e todas, desde os máis pequenos ata os máis lonxevos, os libros. Foi inaugurada o Día das Letras Galegas do 2017 coa lectura e representación da obra de Carlos Casares “Lolo anda en bicicleta”.

Para celebrar o aniversario, este xoves día 17 de maio a partir das 17:30 horas haberá sorpresas e unha actuación de Ana e Manu, dous integrantes do grupo de teatro Os Trompiños. Representarán unha adaptación da obra de María Victoria Moreno «Leonardo e os fontaneiros».

“O balance é moi positivo, estou moi contenta pola boa acollida desta iniciativa. Houbo moita participación, tanto de adultos como de nenos. O verán foi a mellor época, notábanse as vacacións. Aos nenos gústalles especialmente, sempre atopan un libro que lles gusta. Ademais, o poder abrir as portas, hoxear e pechalas divírtelles moito”, destaca Ángeles.

“Leveime moitas sorpresas, desde un día do mes de agosto que ao recollela, atopeime con só dous libros (que foron devolvendo días despois), ata libros marabillosos que me apetecía ler e que non estiveron nin 24 horas na biblioteca. Recibo diariamente felicitacións, aínda que para min, a maior alegría é ver o ben que funciona a biblioteca e que a xente le e xa desde pequenos. Aí está a hórreo-biblioteca para darlles a oportunidade de ler e non aburrirse”.

A hórreo-biblioteca, deseñada e construída polo carpinteiro Pablo Costa, sae todos os días de bo tempo no número 32 da Percibilleira, desde a mañá ata a noite, cando Ángeles volve recollela. “Espero que siga moitos anos máis. Mañá celebrarémolo cunha festa a partir das 17:30 horas”.