Anuncios
Ticker de novas

O IES Terra de Turonio celebra as Letras Galegas cun concerto de DudeCan e o documental “Queimados”

O IES Terra de Turonio celebra o Día das Letras Galegas o venres día 18 cun concerto do grupo Dudecan do Val Miñor e a estrea do documental “Queimados” producido polo centro.

O acto desenvolverase no Auditorio Lois Tobío de Gondomar a partir das 12:30 hora e comezará coa proxección do documental “Queimados”. Un traballo audiovisual que se acaba de realizar no centro coas testemuñas do alumnado que viviu directamente o impacto dos incendios que asolagaron o Val Miñor no pasado outono. As testemuñas foron recollidas ao día seguinte da vaga de lumes e o alumnado relata con emoción os episodios vividos nas súas familias e os efectos causados na fauna e na paisaxe. O alumnado do ciclo formativo de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural gravou imaxes no Monte Galiñeiro e realizou unha análise do impacto dos incendios no propio monte. A montaxe do vídeo foi realizada polo alumnado do centro.

ACTUACIÓN DE DUDECAN

O grupo DudeCan será o encargado de poñer música á celebración das Letras Galegas. Un grupo de oito compoñentes con dúas ex alumnas do centro e que vén de gañar o concurso de Tolemias Talent.

DudeCan é unha banda galega de Funk/Ska/Mestizaxe que nace en 2016 reunindo a músicos que proveñen de grupos de largo percorrido da escena galega como Kogito – Ska feito na Galiza e a Fanfarria Taquikardia e de formacións emerxentes como Ameva ou Hex.

Esta mestura de procedencias ten un reflexo no estilo da banda que bebe do Funk e o Ska e que suma músicas do mundo con matices de Soul, Rock e Jazz que impregnan tamén os seus potentes directos.

Destacan ao vivo por unha coidada posta en escena, exercicios de improvisación e interactuación co público e a potencia vocal dunha das voces máis prometedoras da música alternativa galega.

En 2016 poñen a proba o seu directo en numerosas salas do sur de Galicia con gran éxito e rematan de perfilar o que será o seu primeiro traballo de estudo.

En 2017 publican o seu primeiro Ep “DudeCan”, un coidado debut composto por 5 temas en galego e inglés e comezan a súa presentación por Galicia e o estado cun novo deseño escénico cheo de forza e orixinalidade.

Anuncios