Anuncios
Ticker de novas

Omar Rodríguez, subcampión de España coa Universidade de Santiago

O sábado celebrouse en Torredelcampo (Xaén) o Campionato de España Universitario de Loitas Olímpicas, organizado polo CSD e a Universidade de Xaén, no que se deron cita varios campións e campioas de España das categorías Júnior, Sub-23 e Sénior. O nivel nalgunhas categorías de peso foi inaccesible para a maior parte dos inscritos, e os deportistas galegos brillaron especialmente nesta cita.

As universidades galegas obtiveron un total de 3 ouros, 5 pratas e 2 bronces, sendo unha das delegacións con maior número de deportistas inscritos, acudindo as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela con 6 deportistas cada unha e a Universidade de Coruña con 1 deportista.

A Universidade de Vigo volveu subirse ao máis alto do podio nacional en Loita Feminina, proclamándose campioa de España neste CEU 2018 e revalidando o título obtido en 2017. Os nomes propios desta competición foron Lydia Pérez en 63 kg (Club de Loita Pontevedra) e Noelia Lalín en 75 kg, ambas as dúas campioas de España. A medalla de prata foi para Nerea Pampín en 63 kg (Club Keltoi de Vila de Cruces) e a de bronce para Cristina Alves en 52 kg (Club Cidade de Vigo), completando o equipo campión de España.

En loita masculina Pablo García en 80 kg colgouse a medalla de ouro e Andrés Torres en 90 kg finalizou en 5º lugar, ambos os dous do Club de Loita Pontevedra.

Por parte da Universidade de Santiago de Compostela, este ano 2018 foi especialmente frutífero, obtendo o subcampionato de España en Loita Masculina, algo histórico para a USC. Os nomes propios da loita masculina foron o 5º posto para Xandre Freire en 62 kg (Escola Axude) e para Omar Rodríguez en 70 kg (Club de Loita Sabarís). Medallas de prata para Iván González en 70 kg (Club de Loita Kuzushi de Vigo), David Seijo en 80 kg (Club Keltoi de Vila de Cruces), Francisco Mosteiro en 130 kg (Club de Loitas Olímpicas de Vilalba) e en Loita Feminina completou a prata Judit Varela en 75 kg (Club Keltoi de Vila de Cruces).

Por parte da Universidade de Coruña, Adrián Imedio en 62 kg obtivo a medalla de bronce na categoría, continuando así cunha tempada brillante.

Destacar o traballo dos técnicos encargados de dirixir aos deportistas das 3 universidades galegas: Marcos Miragaya para a UDV e Rubén Méndez Lois que coordinou aos deportistas da USC e UDC.

Tamén poñer en valor o traballo das 3 universidades galegas e dos seus servizos de deportes, mostrando a importancia do deporte no ámbito educativo, así como por ser a única Comunidade Autónoma con todas as súas Universidades presentes no CEU2018 de Loitas Olímpicas.

Agora toca valorar a participación dos campións e campioas de España no Campionato do Mundo Universitario a primeira semana de setembro en Goiana (Brasil).

Anuncios