Os belgas non fallan en Baiona e levan o cetro dourado do podio na categoría dos 450 cv

Por segundo día consecutivo éxito de público en Baiona, que se achegou ata o Val Miñor para presenciar a segunda xornada do Endurance European&World Championship, que na xornada dominical botaba o peche a dúas emocionantes mangas disputadas esta fin de semana con equipos chegados desde Italia, Bélxica, Holanda, Kuwait e unha ampla representación española, entre a que se atopaban os vigueses Keko Pereira e os Lorenzo, estes últimos sen opcións no podio debido a un problema co regulamento internacional que interpreta as normas da categoría.

A segunda manga estivo precedida dun exercicio de rescate no que interviñeron unidades marítimas e aéreas, coa colaboración da Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo; os Gardacostas de Galicia, que puxeron no aire o Pesca 1 da Consellería do Mar; Protección Civil Val Miñor, con dous dos seus voluntarios que actuaron como náufragos; e a Garda Civil do Mar, arrancando o aplauso do público que estaba repartido por todo o perímetro da enseada de Baiona.

Respecto á parte deportiva do campionato, os belgas Nico Bertles e Francis Notschaele non fallaron na súa estratexia de manterse en primeira liña dos Sport (450 cv) desde o principio da carreira, aínda cando neste segundo día non foron o barco máis rápido do circuíto, superados polos kuwaitís que fixeron a volta máis rápida e nunha categoría inferior.

Segundos foron os italianos Christian Cesati e Darío Buchi, prata tamén desde o primeiro día da competición. O bronce era para os seus compatriotas Rosario Longo e Enrico Marani.

En Boat Promotion (300 cv) foron precisamente os representantes de Kuwait Ahmad Abul e Mustafá Al Dashti os que dobregaron aos belgas Buby Bertels e Nico De Stoop, onte líderes da categoría e, finalmente, prata. O bronce foi para outro dos equipos belgas, formado por Benjamin Van Riet e Robbe Van Riet.

Respecto aos Promotion (150 cv), envorco na táboa, tras a penalización sufrida polos Lorenzo, que se viron relegados á última posición, desde un posto prata que tiñan asegurado. Os gañadores da categoría foron Sergio Gómez e Fernando López. Os gaditanos non baixaron a garda en ningún momento, correndo como cabeza de carreira da súa categoría. Na segunda praza posicionouse o vigués Keko Pereira, que co catalán José María Izquierdo fixeron unha gran carreira. Terceiros foron José Manuel Pardo e Francisco Javier García.

A entrega de premios celebrouse no Auditorio V Centenario, un acto presidido polo Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e ao que asistiron o Deputado Provincial de Deportes, Gorka Gómez; o presidente da Real Federación Galega de Motonáutica, José Fernández, homenaxeado pola súa Xunta Directiva que lle impuxo a insignia de ouro; así como a concelleira de deportes, Miriam Costas; a secretaria da Confraría de Pescadores de Baiona, Isabel González; o xerente de masquenautica.com, Jesús Betanzos; o xerente de Merak Náutica, empresa que facilitou os mergulladores profesionais de rescate, así como José Manuel Rodríguez, director do colexio Las Acacias-Montecastelo, encargado de facilitar os tradutores á organización e condutores da propia entrega na que a guinda foron as compoñentes de Galicia en Danza, que actuaron sobre o escenario interpretando dúas pezas.