Ferreira proxecta dúas pistas de pádel no lugar proposto para aparcadoiro de autocaravanas

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, asegurou este luns estar de acordo en construír un aparcadoiro de autocaravanas no municipio, coincidindo co concelleiro de Comercio e Turismo en que é un punto estratéxico para que se faga, pero non está de acordo coa localización proposta.

“É un complexo deportivo e unha zona verde, lúdica e de lecer, eu creo que non é o sitio máis adecuado, entre outras cousas porque leva unha gran chaira de formigón e ten un impacto visual que non encaixa coa contorna”, sinala. Segundo o alcalde, tras coñecerse o proxecto, “toda a cidadanía dos arredores, deportistas, xente que usa o parque infantil, a min o que me trasladan é inquietude, e ao mesmo tempo piden que non se faga aí”.

Ferreira manifesta que “haberá que buscar outro sitio no centro urbano ou onde encaixe mellor”, por exemplo na zona do Froiz ou da gasolineira. “Estamos a humanizar o centro urbano, sacando o tráfico, facendo espazos de lecer e peonís, e metemos caravanas dentro, non, haberá que buscar nos exteriores do centro urbano”. Tamén apunta que se trata dun aparcadoiro para 10 caravanas, polo que “se esperamos que imos sacar a Gondomar da crise económica moi mal temos que estar”.

En canto ao saneamento, Ferreira insiste en que o proxecto non contempla a conexión coa rede de pluviais e fecais, senón a instalación dunha fosa séptica. Segundo o alcalde, tampouco indica se se van a colocar tomas de corrente para as autocaravanas, ou a auga potable. “Paréceme moi apresurado todo isto e non pasa nada. O proxecto está aí e é susceptible de buscar outro sitio”.

Así mesmo, o alcalde considera que agora mesmo non se trata dunha obra prioritaria en Gondomar, xa que o seu custo ascende a 106.000 euros. “Este ano decidimos investir no asfaltado de estradas, en saneamento… hai moito que facer en Gondomar aínda”.

Finalmente, Ferreira anunciou que a súa intención é construír dúas pistas de pádel na contorna do campo de bolos celta para completar as instalacións deportivas da zona, que xa contan con dúas pistas de tenis e un campo de fútbol. Tamén respondendo as demandas dos deportistas, o obxectivo é construír unha pista de atletismo de 100 metros con foso, que se situaría entre o Centro Neural e o campo de fútbol de As Cercas.