Sin categoría

Alumnos do CEIP Serra Vincios visitan Baiona

O alumnado traballador da especialidade de “Promoción turística local e información al visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, vén de realizar unhas actividades co CEIP Serra Vincios, co alumnado de 5º e 6º de Primaria. O mércores 2 de maio recibiron una charla didáctica sobre os recursos patrimoniais do Val Miñor, centrado nos aspectos históricos, artísticos e culturais, cunha duración dunha hora, na que se lle amosaron aspectos como a arquitectura relixiosa, o casco histórico de Baiona, os pazos do Val Miñor ou os eventos máis senlleiros. O xoves 3, realizouse unha visita guiada arredor de Monte Boi, para ver «in situ», moitos dos aspectos expostos na aula.

O percorrido comezou na Praia da Concheira, onde recibiron explicacións sobre o antigo Balneario, seguidamente trasladáronse ata a Praia dos Frades, onde se divisa a antiga porta da Fortaleza co mesmo nome, e xogaron a buscar o boi que se atopa na muralla. O itinerario continuou aos pés da Torre do Príncipe, dende onde se interpreta a baía, as Illas Estelas e as Cíes de fondo. Outra das paradas foi na Torre da Tenaza, xusto na Cetaria de Monte Boi, importante elemento etnográfico relacionado coa vida do mar. Rematou a visita á Fortaleza pola porta de Felipe IV, para subir ata o monumento coñecido como “Encontro entre dous Mundos”, o Azulexo da Arribada, finalizando a ruta na Carabela e o Porto de Baiona.

Os 40 rapaces que compoñían o grupo máis as docentes resaltaron a súa satisfacción pola visita realizada, resaltando a importancia de levar aos rapaces de Gondomar a coñecer os recursos de Baiona, xa que posteriormente na aula aproveitan estas visitas para afondar no estudio destes recursos. Dende Valmiemprega valórase moi positivamente a actividade e a boa acollida que está tendo estas iniciativas.