Sin categoría

Máis de 2,3 millóns de espectadores ven as espectaculares imaxes de Baiona en MasterChef

TVE emitiu este domingo o segundo programa de MasterChef 6, que foi seguido por máis de 2,3 millóns de espectadores (14,6%). O talent viaxou a Baiona, onde os aspirantes, baixo a supervisión dos chefs Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nájera, deron renda solta ao seu talento culinario e serviron un menú típico galego composto por ameixas á mariñeira, pescada á galega, xoubas guisadas e filloas recheas de crema pasteleira a 120 persoas afectadas polos devastadores incendios que sufriu Galicia en 2017, a maioría deles veciños de Chandebrito.

A emisión mostrou imaxes espectaculares desde o alto da Real Vila e a súa baía, sendo un dos marcos incomparables elixidos para unha das probas exteriores desta sexta tempada de MasterChef. Ata 6.196.000 espectadores viron algún momento do segundo programa desta edición, que rexistrou unha media de 2.365.000 espectadores e unha cota de pantalla do 14,6%. O talent de cociña logrou ademais o minuto máis visto de La 1 ás 22:53 horas con 2.807.000 e unha cota do 15,5%.

Esa repercusión tamén foi moi considerable nas redes sociais, con numerosos comentarios e varios millóns de visualizacións dunha emisión na que os grandes protagonistas foron o Parador de Baiona, as espectaculares imaxes da Fortaleza de Monte Real, ademais da cociña galega. O programa tamén se coou entre os 5 primeiros Trending Topic a nivel estatal.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destaca a gran repercusión do programa, «que permitiu a millóns de persoas coñecer a belísima paisaxe de Baiona así como o noso espectacular Parador e a Fortaleza de Monte Real”. Neste sentido, o rexedor especifica que «a promoción turística coas imaxes da nosa Vila de fondo foi enorme».

“Aspirantes benvidos a Baiona a beiras do Océano Atlántico e fronte ás marabillosas Illas Cíes. Un lugar de beleza inigualable”, esta foi a entradilla que a famosa presentadora Eva González fixo da Real Vila antes de dar comezo á proba de exteriores do talent culinario máis visto da historia da televisión española.

“Non hai mellor campaña para a promoción turística de Baiona que acoller un dos programas de maior audiencia da televisión española. Millóns de telespectadores observaron en horario de máxima audiencia imaxes da nosa baía e da Fortaleza de Monte Real, unha das mellores cartas de presentación do municipio. A emisión destas imaxes supón unha gran promoción turística para a marca Baiona”, destacou a Concelleira de Turismo, Beatriz González.

A gravación deste segundo episodio supón unha gran promoción turística para o municipio. Estamos a falar dunha campaña turística a nivel estatal incrustada nunha emisión que ten unha duración de 2 horas e 20 minutos en horario de máxima audiencia. É imposible valorar ese dato con exactitude, pero estariamos a falar dun importante investimento en promoción turística.

O vindeiro sábado ás 10:35 horas en La 1 emitirase de novo esta segunda entrega de MasterChef 6, cuxa proba de exteriores desenvolveuse no Parador de Baiona e que levou as imaxes da Real Vila de Baiona a miles de fogares españois. Os espectadores do programa convértense en potenciais visitantes do lugar unha vez divisada a espectacular beleza que ofrece o municipio.