Anuncios
Ticker de novas

Festexo fin de tempada de Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor

FOTO: REXENERACIÓN FORESTAL AUTÓCTONA VAL MIÑOR // Reforestación en Couso.

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor naceu este outono coa ilusión de poder cambiar a realidade dos nosos montes, sen saber a resposta que podería haber na veciñanza así como nas directivas das Comunidades de Montes.

Despois de moito traballo, toca festexar os pasiños dados ata o momento, a unión de toda esa enerxía acumulada tralos incendios, convertida en vida, e que mellor lugar que onde fixeron a súa primeira plantación.

Este sábado 28 de abril celebrarán as 200 árbores de Couso, a colaboración con Verdeval, o viveiro de Baíña e o de Chandebrito así como os acordos xa encamiñados coa Comunidade de Montes de Camos e Donas para o próximo outono.

O programa comezará ás 10:30 da mañá cun roteiro polos montes de Couso da man de Afonso Rodríguez González, técnico en Xestión de Recursos Naturais e Educador Ambiental, e Xesús Rodríguez Diéguez, Historiador do IEM. Tamén visitarán a plantación de froitos vermellos, diferentes restos arqueolóxicos da zona a súa primeira plantación. A saída será desde o merendeiro do Alto de San Antoniño.

Xa de regreso no mesmo lugar, ás 14:00 horas comezará un xantar común, no que se compartirá o que cadaquén queira levar, e ás 15:30, as crianzas programan actividades para todos, con obradoiros relacionados co monte, onde elas serán as propias guías. Ás 17:00 horas haberá un obradoiro de trampas para a vespa velutina e ás 17:30 Jano ofrecerá o seu espectáculo de circo.

A xornada finalizará coa actuación de Radon, un grupo musical de psi-trad music, e cunha Jam Session. No caso de choiva suspenderase o roteiro e o resto das actividades trasladaranse ao Local da Asociación de Veciños de Couso ás 13:00 horas.

Anuncios