Sin categoría

Nigrán Decide detecta no PXOM un aumento de edificabilidade de ata o 133%

Nigrán Decide solicitou copia da documentación que presentou EPTISA e que debería xustificar o cumprimento do 20 por cento do contrato, para poder tomar a posición máis beneficiosa ante a proposta do goberno sobre a cesión do contrato para a redacción do PXOM, sen embargo, o goberno non garante que facilitase toda a documentación.

Na comisión informativa celebrada o pasado xoves, José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, preguntou se estaba toda a documentación entregada por EPTISA na convocatoria da comisión, ao que o alcalde contestou “Se no departamento de urbanismo non teñen outra documentación complementaria, que descoñecemos, é esta”.

“A pregunta só tiña dúas posibles respostas, si ou non”, sinala Cuevas, para continuar indicando que “como é habitual neste goberno, contesta con ambigüidades, dando a entender que pode existir documentación complementaria no departamento de urbanismo que se lle oculta ao goberno, feito que sería gravísimo”.

Crecementos de edificabilidade de até un 133,33% no Solo Urbanizable

Na documentación provisoria facilitada polo goberno, Nigrán Decide detectou un aumento da edificabilidade de media dun 10% no Solo Urbanizable, chegando nalgún caso a un aumento dun 133%. En todas as delimitacións de Solo Urbanizable Delimitado prodúcense aumentos de edificabilidade, pero concretamente no SUD 11 chamado Porto do Molle un 133,33% e no SUD 10 chamado A Telleira prodúcese un aumento de edificabilidade dun 84,21%. Cómpre destacar que neste último ámbito produciuse un delito urbanístico.

“Dita área de planeamento non figuraba na documentación do PXOM enviada á Xunta de Galicia en outubro de 2011, e foi introducida no documento para a aprobación inicial polo Partido Popular”, sinala José Cuevas, “e a continuación agora, segundo a documentación entregada, prémiaselle cun aumento da edificabilidade dun 84,21%”.

Ate estes feitos que, cualificamos como mínimo de “estraños” o grupo municipal de Nigrán Decide solicitou copia das instrucións, que segundo os pregos do contrato, se lle facilitaron ao equipo redactor para a introdución dos cambios no PXOM nesta fase para a aprobación provisional. “É necesario aclarar quen tivo a iniciativa e as razóns da introdución destes cambios, xa que malo se foi a iniciativa do goberno, peor se foi a iniciativa do equipo redactor pola súa conta”, finaliza Cuevas.